O Parlamento e a RAG homenaxean en Ponteceso a Eduardo Pondal

Á. palmou

PONTECESO

A inauguración da exposición concluíu coa interpretación do «Himno Galego».
A inauguración da exposición concluíu coa interpretación do «Himno Galego». JOSÉ MANUEL CASAL< / span>

A localidade será a última etapa da mostra itinerante da Cámara galega

24 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A inauguración onte na biblioteca municipal de Ponteceso da exposición 51 páxinas das nosas letras acabou por se converter nunha homenaxe a Eduardo Pondal na que tomaron parte, ademais dun grupo de nenos da localidade, a presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo; o máximo responsable da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde pontecesán, Lois García Carballido, e o xerente da Fundación Pondal, Xosé María Varela. Tamén acudiron outras autoridades como Marisol Soneira, vicepresidenta da Cámara Galega; José Manuel Mouzo, rexedor de Laxe, e a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, de paso na localidade para visitar unhas obras do seu departamento.

Foron os nenos os encargados de abrir -co poema Ponteceso- e pechar -cantando o Himno Galego- o acto que se desenvolveu entre os paneis que permiten lembrar aos autores que coma Pondal foron homenaxeados co Día das Letras Galegas. A mostra suma xa dous máis dos iniciais -ata 53- desde o seu nacemento e co seu paso por Ponteceso, unha visita chea de simbolismo como apuntou Rojo, pecha un percorrido itinerante que a levou tamén ata o estranxeiro antes de regresar ao seu fogar no Parlamento Galego. «É para nós unha honra ter aquí esta exposición e a todas estas persoas», dixo Carballido antes destacar a importancia de potenciar as letras galegas e símbolos como o Himno.

Tanto Alonso Montero, como García e Rojo tiveron palabras de recoñecemento para o Bardo de Bergantiños e de ánimo para os cativos alí presentes, dos que sinalaron que son o futuro de Galicia, da súa lingua e a súa cultura. O presidente da RAG fixo ademais unha apaixonada defensa da palabra -«o único partido ao que deberiamos pertencer todos é o partido da palabra»- e do idioma galego, apuntando que «o gran día de Galicia non é o 25 de Xullo, ese é o día Santiago Apóstolo, senón o 17 de maio, o Día das Letras Galegas, o día da palabra».

«Aproveitade o exemplo destes persoeiros porque todos eles fixeron moito por Galicia e no futuro tocaravos a vós», pediulles Valentín García, mentres que Pilar Rojo os animou a traballar porque, segundo explicou, entre o medio cento de nenos presentes onte, seguramente haberá algún escritor. «Ou escritora», engadiu animando ás rapazas a cumprir a petición de Marisol Soneira de dar máis visibilidade ás autoras galegas.

Antes de que a interpretación do Himno Galego -con todos os presentes en pé, salvo varios membros da corporación municipal de Ponteceso- puxese o punto final ao acto, a presidenta do Parlamento convidou aos rapaces a visitar o Parlamento Galego, «a Casa da Palabra».