A RAG pechará as Letras Galegas das cantareiras cun simposio en Muxía

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas, é natural de Muxía, de aí a escolla do lugar para este simposio
Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas, é natural de Muxía, de aí a escolla do lugar para este simposio PABLO QUINTANA

Será o sábado 22 de novembro, con conferencias, mesas redondas e actuación final das Abaladeiras

09 nov 2025 . Actualizado a las 01:16 h.

Aínda quedan as derradeiras coplas, o aturuxo final. Non lle falta moito a este 2025 para rematar, mais aínda quedan cantareiras e poesía popular oral que festexar deica o 31 de decembro. A Real Academia Galega (RAG), non obstante, poñeralle dalgunha maneira o ramo a estas Letras Galegas cun simposio programado para o sábado 22 de novembro (09.45 horas) no Parador de Muxía: As cantareiras e a poesía popular oral. «Toca facer balance e afondar nalgúns dos aspectos centrais, dende unha ollada contemporánea, dun legado que conquistou o presente e aspira a seguir moi vivo no futuro», comunican. O encontro ten razón de ser en Muxía: é a vila natal de Eva Castiñeira, unha das sete homenaxeadas con estas Letras, xunto con Rosa e Adolfina Casás Rama, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijenda e Teresa García Prieto, estas catro últimas parte das Pandeireteiras de Mens.

Catro das Pandeireteiras de Mens, con Manuel Cajaraville, director artítico da AF Aturuxo
Catro das Pandeireteiras de Mens, con Manuel Cajaraville, director artítico da AF Aturuxo ARQUIVO AF ATURUXO

«Cremos que a Academia non se trabucou na escolla, nunca unha celebración das Letras Galegas, e son testemuña das 52 edicións, tivo unha resposta popular como a desta 2025», valora o académico Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego con Dorothé Schubart e un dos coorganizadores deste simposio xunto con María López-Sández e Víctor F. Freixanes. Coa organización da xornada colaboran Xunta de Galicia, Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e Concello de Muxía. 

Rosa e Adolfina Casás
Rosa e Adolfina Casás DOROTHÉ SCHUBARTH / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO

O papel dos colectores do folclore, o aproveitamento do cantigueiro como recurso didáctico e o papel que este representa como «espello de vida material e espiritual do pobo galego» serán algunhas das cuestións a abordar. Sendas conferencias de Xulia Feixoo e Sergio de la Ossa dende o ámbito da musicoloxía abrirán o encontro no Parador. Con Santamarina como moderador, ás 12.30, chegará logo unha mesa redonda na que intervirán Domingo Blanco, Branca Villares e Xulia Feixoo: Pensar a tradición desde o xénero e a clase social. Xa en horario de tarde, ás 16.30, Manuel Rico Verea ofrecerá outra conferencia, unha ollada aos cancioneiros. Finalmente, 18.00 horas, Richi Casás, Isabel Vigo e Xabier Díaz farán balance deste ano de Letras, moderados por Ana Boullón, académica impulsora da candidatura das cantareiras. Rematará o simposio coas cantareiras Abaladeiras de Muxía. 

Subalternidade, protagonismo feminino ou a variable de clase social irán saíndo á palestra na xornada. Reflexiona María López-Sández: «Neste campo deuse unha colaboración interclase, como ocorreu de feito na cultura galega xeral, onde figuras como Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro desempeñaron un papel clave en alianza ideolóxica, íntima e profunda co pobo que sustentou a lingua e a cultura». «En gran medida estas Letras Galegas 2025 son unha homenaxe a tantas xeracións que mantiveron vivo o noso idioma a través da alegría da música, souberon transmitilo aos que viñeron detrás ata chegar a nós. Nese proceso as mulleres teñen un papel fundamental que queremos reivindicar. Alimentaron o lume da vida. Son a gran sementeira da lingua», apunta Freixanes.