Memoria do gran Pazos de Merexo

IN MEMORIAM | Manuel José Pazos Redonda (1926 - 2019) | Unha cariñosa lembranza ao mestre do acordeón diatónico: escribe Fernando Fraga


Carballo / La Voz

Con boina e un sorriso, así lembrarei sempre o Sr. Pazos de Merexo, que estes días nos deixou. Un mestre do acordeón diatónico que, grazas a súa paixón pola música e polo seu instrumento, logrou que as melodías que tiña na cabeza puideran soar no seu acordeón que chegara desde Bos Aires. Sen apenas axuda para que alguén lle ensinara, cando volvía das súas labores agrícolas cas mans curtidas de rozar no valume, muxir as vacas ou facer un cesto, alí ía a serrar no acordeón ata altas horas. Como soia dicir el, «Non hai pan sen afán». Pouco a pouco gravou as partituras imaxinarias de cada tema na súa pel, facéndoas totalmente súas e engadíndolles o seu toque persoal, o floreo. Eses adornos que fan rir á melodía, como dicía. Axiña a súa destreza tocando foi coñecida na bisbarra, e converteuse nun deses músicos que levaban a música polas aldeas, enchendo os salóns de veciños desexosos de mudar as labores do campo ou do mar polos bailes. Facían o baile.

Eran tempos difíciles onde o enxeño suplía as carencias técnicas, como aquela vez na que lle rompeu una nota do acordeón e non soaba. O Ceguiño de Corcubión axudoulle poñendo no seu lugar o metal dunha pila dun foco. Entre os dous, cortando de alí e limando do outro lado, conseguiron que soara como antes. «Agora xa toco un acordeón semi eléctrico», adoitaba dicir con un sorriso.

As súas melodías non só quedaron na costa da morte, senón que viaxaron ata Suíza nunha cinta gravada na casa con «Acordeonadas», e que serviron para alegrar os emigrantes que alí residían. Chegaron, anos máis tarde, as visitas a programas de televisión, de radio, reportaxes, recoñecementos, publicación dun libro-disco, etcétera. El sempre recollía estas chamadas con agradecemento, e buscando que en canto comezara a tocar o acordeón, a xente comezara a bailar ou simplemente o escoitara con ledicia. Estou convencido que, ver que transmitía isto os demais, era o que máis lle satisfacía. Mesmo chegou a tocar con grandes intérpretes do acordeón diatónico como Flaco Jiménez, do que dicía que gustaba da súa música porque a entendía moi ben, ou con Kepa Junquera, co que gravou no disco que este música Vasco dedicou a Galicia, deixando gravada unha testemuña coa voz do Sr. Pazos, que resulta agora moi valiosa. Tocando con Kepa no Couto, e ante a fama que tiña este como tocador do acordeón diatónico, Pazos soltou unha das frases que sempre lembrarei del, «Cada un vai a feira co que ten», mostra da simpleza e sabedoría que mantivo sempre.

En fin, toda unha vida compaxinando o traballo no campo coa súa paixón polo acordeón diatónico e a amabilidade con todos os que se acercaban a el. A onde o chamaban para tocar, alí ía para repartir ledicia. Agora chamárono para unha viaxe máis lonxe e seguro que se presentará cun sorriso, unha boina e a música do seu acordeón. Ata sempre, mestre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Memoria do gran Pazos de Merexo