Un xoves do máis completo na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

A banda galega-belga Ialma actúa hoxe no Pazo de Carballo
A banda galega-belga Ialma actúa hoxe no Pazo de Carballo BASILIO BELLO

Malpica dará por iniciada con 36 candeas a súa programación do 25N, mais non é a única cita do día 

20 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoves 20 de novembro e varias citas hoxe na Costa da Morte, ademais do acto ligado ao 25N en Malpica (ver máis abaixo):

Carballo • Quenda para o folk no Novembro con Música. Ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, concerto de balde da banda galego-belga Ialma, de 25.º aniversario. Colabora a Deputación.

Carballo • Suma vida o polígono de Bértoa. Ás 19.30, inauguración da nova delegación da empresa Seamo S.L, na nave A-11 da rúa Cobre. Disporán de pulpeira.

CeeÁs 11.00, e baixo o paraugas da Semana do Medio Ambiente e o ciclo Eco de Sol de aAntena, acollerá o auditorio Baldomero Cores a proxección do documental O monte é noso. Vai da loita dos campesiños a finais dos 70 por recuperar a propiedade de montes comunais que traballaban.

PontecesoDentro do Mes da Ciencia en Galego da Fundación Pondal está previsto un roteiro científico-literario con participación do módulo de forestal da EFA Fonteboa e alumnado do IES Eduardo Pondal. Principiará ás 09.00 neste centro. Irán ao Monte Branco.

Raquel Queizás pasará hoxe cun contacontos por Coristanco
Raquel Queizás pasará hoxe cun contacontos por Coristanco BASILIO BELLO

CoristancoInclúe o Concello no seu programa de 25N un contacontos con Raquel Queizás: Romaría, ás 18.00 na biblioteca, con acceso gratuíto. Para rir, soñar e lembrar que os contos tamén falan de igualdade, respecto e coidado da contorna.

Malpica prende 36 candeas polas mulleres asasinadas

O Concello de Malpica dará por iniciado hoxe o seu programa en torno ao 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller. Será un acto de lembranza no que se convida a participar a toda a cidadanía, previsto para as 19.30 na praza Villar Amigo. Durante o encontro acenderanse 36 candeas en memoria e lembranza das mulleres asasinadas este 2025, xesto simbólico para manter vivo o seu recordo. Acompañado do lema Lembrámolas con luz, non con silencio, o acto quere subliñar a importancia de non calar ante esta realidade. «A convocatoria pretende visibilizar a dimensión social deste problema», traslada o Concello, que informa asemade de que o vindeiro martes, o propio 25N, terá lugar ás 12.00 a lectura do manifesto institucional que reafirma o compromiso malpicán.