«Wombo Combo», cita familiar na Mostra de Teatro de Malpica 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

Galeatro, compañía carballes, leva ao centro cívico unha peza a cabalo entre vida real e virtual

07 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.00 horas • Logo da apertura, o pasado venres, coa función A teteira de Kabul, a 21.ª edición da Mostra de Teatro do Concello de Malpica seguirá avanzando esta tarde cunha nova proposta para que gocen familias e público infantil, con espectadores a partir dos 5 anos de idade. Trátase de Wombo Combo, da compañía carballesa Galeatro, 50 minutos dun espectáculo que foi finalista nos Premios María Casares 2023 á mellor proposta familiar. A representación está programada para as 20.00 horas, no auditorio do centro cívico, e a entrada é de balde.

Wombo Combo é unha peza coproducida polo Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, onde foi estreada no ano 2022. Sobre o escenario están Alba Bermúdez, Tone Martínez e Mario Rodríguez. A través da vida de Sara, tocan temas como o acoso escolar ou a realidade virtual. Que pode pasar cando a vida na Rede ou nos xogos en liña chega a substituír á vida real? Pode unha existir sen a outra? Mundo virtual e teatro xúntanse nesta creación arredor dun texto de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. A tecnoloxía como refuxio e como cova. Unha peza para darlle voltas, sen xulgar.