Cor, ledicia e tradición no entroido de Malpica e parroquias, superando as dúas semanas
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Concello e asociacións impulsan actividades dende o 22 de febreiro ata o 9 de marzo
15 feb 2025 . Actualizado a las 22:44 h.Un dos entroidos máis tradicionais e tamén extensos —en canto a cifra de actividades e tamén prolongación no tempo— é o de Malpica. Ten para iso o Concello a colaboración das ANPA Ventorrillo e Xaviña, dos colexios Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero e das entidades Raigañas, Malante, Mallas de Area, Redeiras Mar da Illa, Amijos da Mikaela, Carcaxía, O Brizo, Campal e O Quinteiro. Entre o terceiro Cocido Campal programado para este vindeiro sábado 22 e o percorrido dos Madamitos e Ghuardineros, así como o Enterro do Faustino, o domingo 9 de marzo, haberá un mundo de actividades e para públicos variados. «Transformará as rúas da vila e as súas parroquias nun escenario de cor, ledicia e tradición», trasladou o consistorio. Serán máis de dúas semanas, nas que merece destacarse, por exemplo, o Encontro de Comparsas de Disfraces de Entroido, na tarde do domingo 2 de marzo, das 17.00 horas en adiante, con premios en vales para as mellores creacións. Tamén ese día haberá un concurso único na zona, o de piñatas de Entroido. E para o sábado 8 quedará unha das citas máis irreventes, a Mikaela de Buño.