Nos tempos aínda recentes nos que o ocio estaba limitado sempre a actividades analóxicas e de ter que falar uns con outros, as salas de festas ou discotecas formaban parte fundamental da nosa vida. Aí nacían e morrían amores e aventuras, amizades e odios. Aí un espertaba a esoutra vida que chega con 15 ou 16 anos e que se bota tanto de menos, aínda que cando os tés parece que o mundo che vén enriba e todo son dúbidas e medos, e ás veces forzas e valentía. Aí escoitabas música que che queda para sempre, e vías orquestras das que sabías os nomes de todos os músicos, máis ou menos como agora coas grandes, pero daquela era outra cousa.
O teu asento de sempre, as lentas que chegan, os neóns, aquel que está alí e mellor que non estivera, o Carolans cando había algo de cartos ou aparentabamos que os había. Todo ese pasado xa non está nin volverá, por iso se cadra doe un pouco máis ver o estado dalgúns daqueles locais. Xa non por estar como está A Revolta, como viamos onte nestas páxinas (absolutamente desolador, pero con caixas baleiras de Kas ou Schweppes aínda tiradas e seguro que algunha da súas botellas foi a última que ti bebiches), senón por ollar que aquel lugar de soños e alegrías, e tamén de frustracións e desenganos, é agora un supermercado ou unha moblería ou nada.
Envexo a Costamar de Malpica: non abre nunca, pero segue exactamente igual que a última vez. Coma anos atrás, coidada, case conxelada no tempo. Unha viaxe ao pasado no medio da vila. Seguro que quen entre nela, se lle é posible ou se dá o caso, atopará por un momento sensacións parecidas ás que tivo cando todos eramos outros e todo era diferente.