«Hai que sacar á luz estes testemuños, a historia dános moitas leccións»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Sol Agra, deputada, e Caridad Camarero, autora da obra ilustrada
Sol Agra, deputada, e Caridad Camarero, autora da obra ilustrada .

CariCa asina o libro ilustrado «Coralia e Maruxa», que se poderá coñecer hoxe polo miúdo en Laxe

31 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 19.30 horas • Biblioteca de Laxe A biblioteca Antón Zpata de Laxe acolle hoxe a presentación do libro ilustrado Coralia e Maruxa, da autoría de Cari Ca —Caridad Camarero—, un proxecto editado pola Deputación co que, dende a área de Dereitos Civís, se pretende homenaxear á forza e espírito das irmás Fandiño. Ademais de Camarero, estarán en Laxe Sol Agra, deputada, e Francisco Charlín, alcalde.

Explica a autora que todo este traballo parte das ilustracións que fixo para o vídeo de As dúas en punto, a canción dun amigo italiano, Nico Matteo Nicora. Os seus debuxos chegaron á Deputación, interesada en facer algo «divulgativo» para contar a historia das coñecidas como «as dúas Marías», mais que non deberían quedar no que para moitos son, unha estatua na Alameda de Santiago, unha foto máis nunha visita turística, «pura anécdota».

Coralia e Maruxa, levadas ao título por Caridad, «porque teñen nome e apelidos», eran fillas dunha costureira e dun zapateiro. Trece irmáns, nove mulleres e catro homes, os catro sindicalistas, tres deles con actividade destacada na CNT que, chegada a guerra, houberon de fuxir e agocharse. Acosadas, humilladas, rapadas, obxecto de burla, condenada a familia ao ostracismo, chegou un momento, anos 50-60-70, no que Coralia e Maruxa comezaron á saír á rúa «descaradas», desafiando a orde establecida, vestidas de cores vivas, maquilladas, fumando... «Unha mestura de rebeldía e loucura, loucura como forma de rebeldía», explica a autora, que lembra os 4.700-5.000 mortos vítima da represión franquista en Galicia. «Tamén elas foron vítimas do franquismo. Este libro vén a contar en imaxes, porque apenas hai texto, unha historia. Nutrinme doutros traballos en torno a elas, estudos, teses, teatro, cancións... Pese a todo iso, aínda non é unha historia coñecida. Nestes tempos de crispación no que voces atrevidas reclaman a volta da ditadura, é bo coñecer a realidade para que non volva suceder. Hai que sacar á luz estes testemuños, a historia dános leccións», afirma Camarero.

A maquetación é obra da súa filla, Paula Naya, deseñadora gráfica, e ambas dedican o libro ás vítimas das guerras, lanzando unha mensaxe de paz É unha edición non venal, dispoñible só nas bibliotecas, coa primeira edición, 500 exemplares, esgotados. Pódese descargar na web da Deputación.