EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe Ambrosio Oróns | O desexo do pai de continuar a estirpe mariñeira coas actividades náuticas...
14 jun 2020 . Actualizado a las 20:30 h.Nacín o 29 de marzo do 1974 nunha casa sita no barrio do Agra, aínda que inscrito o 31 de marzo, fillo de Ambrosio e de María, disque meu pai saltaba as escaleiras de catro en catro o día do meu nacemento. A estirpe mariñeira parecía ter continuidade, pero nada máis lonxe da realidade, ou non todo como o bo do meu pai pensaba.
A día de hoxe levo máis de 20 anos exercendo e desfrutando da profesión de profesor de Educación Física no colexio Montegrande de A Coruña, labor que compaxino coa de profesor na escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol. É unha maneira de navegar pola vida, pero non no mar. Nos meus tempos mozos fun xogador en diferentes clubs da comarca, comezando a miña traxectoria no Laxe e pasando por Malpica e Bergantiños, sen esquecer os 12 anos nas escolas Luís Calvo Sanz e o meu paso por equipos de fútbol como preparador físico e adestrador ou coma socorrista na praia de Laxe, onde comecei a dar as primeiras patadas, a un balón.
Aquel Ambrosiño, que así viña escrito na carpeta do parvulario, que se criou entre, o Agra o bieiteiro, o campo do Escarevello, a Covagrande, o porto ou a praia, comezou a xogar o fútbol do pobo, cando nos reuniamos amigos e veciños para disputar partidos entre barrios (Fenllido, Areal, Agra ou equipos coma Os Truenos, Os Relámpagos), en estadios, que aínda que algún era costa abaixo, viviámolo tanto, que para nós, que o único que queríamos era parecernos os xogadores da televisión, viamos eses campos coma estadios (O Mercado, Campo da Arqueta, Campo de Atocha, Campo do Escarello, Campo de Vito (peculiar pola súa inclinación lateral) ou o Campo do Areal...). Eran momentos únicos e marabillosos, e sen teléfonos móbiles. Tempos nos que eramos capaces de reunir xogadores para tres equipos, nos que só soñabamos con ser Juanitos, Quinis, Santillanas.... Cada un de nós, tiña asignado un xogador do seu equipo favorito.
Os Truenos
Así fomos crecendo e facéndonos as persoas que somos hoxe. Cada un de nós foi buscando e encontrando o seu camiño, e o meu, sen lugar a ningunha dúbida, naceu nese equipo de barrio que era a Agra, ou Aghra, como pronunciabamos na realidade. Dende alí pasei a competir nos primeiros torneos de fútbol praia (esa noite non se durmía) co equipo Relámpago. Lembro a rivalidade que mantíñamos con Os Truenos...
Habería máis dunha anécdota, como aquela vez que os xogadores do Fenllido, escaparon do Campo de Atocha
Habería máis dunha anécdota, como aquela vez que os xogadores do Fenllido, escaparon do Campo de Atocha (chamado así pola señora Tocha, veciña do barrio) despois de recibir mil e un cañotazo de millo, arrancados do terreo veciño. Outra que recordo é a do finado señor Juan do Piñeiro, que acabara de cortarlle a herba ó campo, e nos atopou xogando na súa propiedade e nos escorrentou, ata chegar a praia, podendo así finalizar o partido que empezara na horta do señor Juan, e que el mesmo, quedou cas porterías de madeira, nas que tanto empeño puxeramos para a súa construción.
Guerras
Tamén algún que outro balón pinchado, polo señor Enrique Trallas ou as guerras con Flora de Aurelio, por darlle algún que outro pelotazo as súas paredes ou fiestras. Lembro despois as participacións en carreiras de campo a través, salto de altura, fútbol sala... con profesores coma Aurelio de Corme, Don Pedro ou Don Jorge, quizais as primeiras ensinanzas regradas da miña orixe, coma persoa ligada o deporte, e que anos máis tarde sería a miña vida...
Unha das grandes decepcións da miña vida foi quizás a nivel escolar. Corría o curso de sétimo do ensino xeral básico (EXB) e estabamos clasificados para a final comarcal de infantís. Daquela época, e por unha neglixencia deportiva, fomos eliminados desta final e, probablemente, da consecución do campionato, no que, para nós sería, naquel momento, o primeiro partido internacional contra o equipo de Padrón.
Pero non todo foron decepcións neses anos. Unha das maiores alegrías, ademais dos torneos de fútbol praia xogados cos amigos da infancia, (Dani de Tocha, Tono de Lita, Carlos da Peneda, Ito de Quilina e algún que outra fichaxe de renombre comarcal) foi o campionato da Copa da Costa que lle gañamos ó Club do Mar de Caión (dos Repis, Pea, Os Collazo), e que me abriu as portas do Bergantiños, e me levou a cara a licenciatura en Actividades Físico Deportivas e Deporte (INEF).
Actividades náuticas
A día de hoxe, como a cabeza non para, estamos traballando no inicio dun proxecto de turismo activo en Laxe, cunha empresa de actividades náuticas. Podo dicir orgulloso, que todo arrancou na magnífica praia de Laxe e terá continuidade no mesmo lugar, no que un neno xogaba entre barrios cerca do mar, onde tanta ilusión tivo meu pai para continuar cunha estirpe mariñeira, que terá que quedar no labor dun monitor/instrutor de paddel surf, pero feliz sempre de facer do deporte, unha vida, un soño.
DNI. Ambrosio Oróns Baña. Naceu en Laxe o 29 de marzo de 1974. Foi xogador de, entre outros equipos, do Bergantiños, Malpica e Baio. Una vez rematada a súa etapa futbolística, fíxose adestrador con título nacional. Estivo ao fronte de conxuntos como o Órdenes, Cerceda e Laracha. É licenciado en Actividades Físico Deportivas e Deporte (INEF) habilitado co máster de profesorado, polo que leva 20 anos impartindo Educación Física no colexio de Matogrande da Coruña. Tamén foi profesor de socorrismo, socorrista e técnico de primeiros auxilios. É profesor, por outra banda, na escola de adestradores. Os seus apuntamentos forman parte dos manuais que se empregan na Federación para impartir ensinanzas para os novos preparadores. Tamén tivo tempo para a política e exerceu durante catro anos como concelleiro en Laxe, onde agora acomete un proxecto de turismo activo e activades náuticas novidoso no seu pobo. Prepara a apertura dun centro no que tamén actuará como monitor e instrutor de pádel surf. Terá como escenario principal o areal de Laxe, ese lugar onde de pequeno soñaba grandes xestas futbolísticas, que foron as que sempre centraron gran parte da súa vida.