«O que arde»

LAXE

05 dic 2019 . Actualizado a las 22:23 h.

Oliver Laxe cualificou O que arde como poética e política, unha dualidade interesante que lembra o Con pólvora e magnolias de Ferrín. Isto implica un posicionamento como artista. Segundo explica o director, o pulo para facer esta obra xorde dunha aparente contradición: a atracción que o lume exerce nel como cineasta, unida á repulsión que lle causan os seus efectos devastadores. Falando de aparentes contradicións, O que arde é un filme fondamente galego e universal, arraigado nos Ancares e loado en Cannes.

Non hai tema máis poético que a evocación do que se perde, das cousas que esmorecen e se nos van: «A película nace do desgarro de ver eses valores desaparecer. Pero tamén do amor polo rural, desas persoas que seguen crendo nel». Non cabe dúbida de que é un tema fondamente político, como deixa ver o propio Laxe: «Os plans do monte son pouco visionarios. O desaloxo do rural e o cambio climático son unha cocteleira perfecta para o lume». Ambientada nos Ancares e rodada en galego (a primeira proxectada neste idioma en Cannes), podemos estar orgullosos de sentila como nosa, e así o permite e potencia a personalidade do director. Mais quixera engadir outro motivo: Laxe fala, ao pescudar nas raíces da súa vocación de cineasta, do seu tránsito polo instituto de Monelos, da materia de Cinema que alí cursou, dos seus profesores (aos que cualifica de moi bos)... Quizais sexa a educación o ámbito no que poden confluír a sensibilidade estética e a política para conducirnos cara a un futuro mellor. Se cadra son optimista, pero vexo o ensino como un espazo para a arte que nos compensa das demais perdas, coma un antídoto contra todo o que arde e se nos vai.