As musas están sempre, pero...

Nieves García Centeno XORNALISTA E HISTORIADORA

DUMBRÍA

Nieves García Centeno, onte no Conco, Dumbría, onde co motivo do 8M dirixe as xornadas «As mulleres na antigüidade»
Nieves García Centeno, onte no Conco, Dumbría, onde co motivo do 8M dirixe as xornadas «As mulleres na antigüidade» BASILIO BELLO

Deben atoparte traballando e co ánimo de crear e a seguridade de querer plasmalo nun texto | En primeira persoa, escribe Nieves García Centeno 

08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Que veño falar aquí do meu libro podería ser un bo comezo para este texto en primeira persoa, porque esta coñecida frase televisiva ben recolle os esforzos e ilusións da miña traxectoria, tanto profesional como existencial, xa no ecuador (dioloqueira) da miña vida. Acabo de publicar unha novela histórica ambientada no Antigo Exipto, na Alexandría do século I a.C., sobre Arsínoe, a irmá pequena de Cleopatra. Se queredes saber máis dela e desa época, tendes que vir ás vindeiras presentacións, o 14 de marzo en Cee, e en abril, en Dumbría, aínda sen data. Xa estiven en Madrid, coa Asociación Española de Exiptoloxía, da que son membro, acompañada polo editor, do selo Mascarón de Proa, da Editorial Almuzara, e nas bibliotecas do Fórum e Ágora da Coruña. 

Porque aínda que teño raíces de Buxantes, Dumbría, por parte de pai, da casa dos Modestos do Vilar, mesturadas coas da Terra de Campos de Palencia, de onde era a miña nai, nacín en Valladolid, onde fora destinado meu pai como enxeñeiro topógrafo no Instituto Xeográfico Nacional. Aos nove anos xa conseguiu praza na Coruña e viñemos vivir ao barrio dos Castros, onde estudei no colexio Sal-Lence, berce do fútbol-sala feminino galego, do que podo dicir orgullosa que fun unha das xogadoras fundadoras, xa colleitando algún trofeo, pero que deixei ao empezar o instituto, o Feminino da Praza de Pontevedra.

BASILIO BELLO

O xornalismo chegou á miña vida de rebote, porque eu fun por Ciencias mixtas no Bacharelato e COU, con Debuxo Técnico, tendo de profesor a Felipe Criado. Quería estudar Topografía, como meu pai, pois desde nena xa o acompañaba polos montes buscando vértices xeodésicos, pero tamén castros, ou anotándolle os números obtidos do aparato, ou mirando como debuxaba na casa os mapas entre regras, compases e papel vexetal e milimetrado. No instituto tamén me dera clase o recoñecido historiador Antonio Meijide, que nos facía memorizar un texto mentres el percorría a clase, vestido sempre cun traxe gris e zapatillas de deporte, e despois nos ditaba os temas. Escribir e memorizar, o que xa non se fai agora. Pero, na Selectividade, o Debuxo e as Mates foron un desastre, e a nota media resultou aceptable grazas ás materias de Letras, que apenas estudara.

Entón recordei cando os meus profes me dicían que escribía ben e que estudara Xornalismo, ou cando meus pais contaban que de nena atopábanme no chan do salón rodeada de xornais e facendo que lía as noticias en alto. E lembrei as miñas revistas e cómics, feitos con recortes ou debuxados por min. E os caderniños que sempre levaba comigo para enchelos de contos e historias, ou cando pasei a teclear coa máquina de escribir aventuras e relatos, que despois encadernaba. Ou poesía, gañando un concurso da Deputación, tendo eu nove anos. E ler. Sempre cun libro entre as mans, pois era a mellor compaña.

Alá quedou a Topografía. Polo menos, miña irmá estudou Delineación e Arquitectura Técnica. Dubidei se facer Dereito, pois meu avó materno foi avogado e deputado nas Cortes de Palencia. Ao final, fixen Xornalismo, en Madrid, e, no verán, prácticas en La Voz de Galicia, nas delegacións de Viveiro, Monforte, colaborando con Carballo; en RTVE, na Axencia EFE, indo a Londres de au pair ou a Francia a escribir nun xornal. Porque as linguas son a miña outra grande paixón: inglés, francés, e teño estudos de árabe, italiano e alemán. E xeroglíficos.

BASILIO BELLO

Outras das miñas querenzas: o Antigo Exipto, a Historia e a Arqueoloxía. Tras Madrid, volvín a Galicia e fixen un Doutorado en Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña. Xa estaba comezando a tese, investigando na Fundación Camilo José Cela de Padrón, cando o traballo chamou á porta. Tiven que escoller, e non hai remordementos, porque esas decisións, coma outras que tomei, leváronme ata onde estou agora. Corresponsal da Costa da Morte en La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Radio Nordés-Cadena SER, Punto Radio, Protocolo no Concello de Ferrol, axencias, na empresa privada, … Viaxar, visitar museos.

E chegou a covid. Todos nas casas. E decidín dar unha viraxe radical á miña vida. Remato Xeografía e Historia na UNED, fago un Máster de Exiptoloxía na Universidade de Alcalá de Henares e outro de Arqueoloxía, Ciencias da Antigüidade e Patrimonio na USC, á vez que participo nunha escavación en Exipto, en Karnak-Luxor, e en distintos puntos da xeografía española (Zaragoza, Serra de Gata, Granada, Asturias e Galicia). Soños cumpridos. E, de novo, escribir.

Como dicía Séneca, a sorte é o que sucede cando a preparación se encontra coa oportunidade, e eu engado, que as musas te atopen non só traballando, senón con ánimo de crear e a seguridade de querer plasmalo nun texto.

Unhas pinceladas da súa biografía

Nieves García Centeno. Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, con máster en Relacións Internacionais, doutorado en Filoloxía Hispánica e grao tamén en Xeografía Histórica. Suma a isto Nieves outros dous máster, en Exiptoloxía e en Arqueoloxía. Xornalista e historiadora, pois, é autora de publicacións destacadas como «Aproximación al mundo religioso-funerario de la cultura nubia: la colección del Museo Arqueológico de A Coruña» ou «O Monte do Pindo ao descuberto. Rutas e lendas». Este mesmo 2026 vén de sumar a novela histórica «Arsínoe, reina de Alejandría». Colabora dende o ano 2017 no blog Amigos de la Egiptología.