Teatro, accións simbólicas e as xornadas «As mulleres na antigüidade» serán as propostas centrais
19 feb 2026 . Actualizado a las 14:18 h.O Concello de Dumbría conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha campaña baixo o lema Abrindo camiños en igualdade, «unha mensaxe que simboliza o avance colectivo cara unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria», segundo dan traslado dende o consistorio. «Dende o Concello sublíñase que a igualade non se limita a unha data concreta e reafírmase o compromiso coa igualdade real de homes e mulleres durante todo o ano, incorporando a perspectiva de xénero de maneira transversal nas políticas e accións municipais, co fin de avanzar cara un futuro con máis dereitos e oportunidades para toda a veciñanza», engaden.
Ao longo deste mes haberá diversas accións, unha delas o reparto de abridores conmemorativos no Concello, acción simbólica para reforzar a visibilidade do 8M, unhas pezas que serán elaboradas por usuarios de Íntegro. Doutro lado, xa o venres 27 de febreiro, terá lugar a xornada Teatralízate, un obradoiro de teatro para mulleres dirixido a nais e mulleres das familias do alumnado do colexio Santa Eulalia: «Unha acción encamiñada á creación dun espazo de sororidade, entretemento e diversión», sinalan.
Doutro lado, os días 7, 14, 21 e 28 de marzo, ás 11.30 horas nas instalacións do Conco, desenvolveranse as xornadas As mulleres na antigüidade, impartidas por Nieves García Centeno. Catro sesións divulgativas para abordar o papel das mulleres nas grandes civilizacións do Mediterráneo e mundo celta. É unha proposta para todos os públicos, con entrada libre ata completar aforo. Nieves ten raíces na parroquia de Buxantes, é xornalista e historiadora, licenciada na Complutense e na UNED, cun doutorado en Filoloxía Hispánica na UDC e máster en Relacións Internacionais e Protocolo. Nieves vén de publicar o libro Arsínoe, reina de Alejandría, que será presentado en breve en Dumbría. Na novela xunta a súa paixón pola investigación histórica e o Antigo Exipto. «O libro lévanos a descubrir mulleres que, como Arsínoe, lidaban nun mundo dirixido por homes, intentando ser donas do seu destino», avanzan dende o Concello dumbriés.