Natalia Monje: «A ficción de terror é un artefacto cultural de potencia extraordinaria»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

PACO RODRÍGUEZ

A escritora coruñesa é a gañadora do certame de adultos Territorio Vákner, convocado polo Concello de Dumbría e La Voz de Galicia. A entrega de premios será mañá, no Conco

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Misterio resolto, aínda que non sexa, ollo, o do Vákner. Os certames literarios Territorio Vákner, convocados polo Concello de Dumbría e La Voz de Galicia, xa teñen gañadores. Na categoría de adultos, resultou ser a coruñesa Natalia Monje, escritora con formación en Historia e Xornalismo, e autora dun relato que presentou baixo o título de Bring you spirit down! Falou tamén en Radio Voz Bergantiños:

—Parabéns polo galardón.

—Emocionada e agradecida, e xa que se menciona o título, ten unha explicación. Escribo por obsesións e a que teño neste momento é un disco do australiano Nick Cave. Ten unha canción, Wild God, Deus Salvaxe, na que se repite esta frase case como chamada aos fieis, e isto está moi imbricado co relato. Que sexa un monstro, unha besta, un deus, iso xa é unha decisión dos lectores.

—Súmaselle o galardón ao Álvaro Cunqueiro de Xornalismo, o Xesús Ferro de investigación etnográfica ou o de Divulgación Histórica J. Antonio Cebrián.

—Son premios moi diferentes, teño unha traxectoria mesturada. Empecei na arqueoloxía, logo fun á antropoloxía, despois ao xornalismo... Cheguei a un punto no que todo iso confluía en torno ao terror. Hoxe moi metida na literatura deste eido, estou convencida de que a ficción de terror é un artefacto cultural cunha potencia extraordinaria para contar os traumas das persoas e das sociedades. Esta é outra das miñas obsesións: falar a través do terror de como as sociedades constrúen os seus monstros e como sinalan ao inimigo. Hai un ano publiquei con Planeta unha novela, Los santos salvajes, que trata este tema, unha novela de horror folk ambientada en Galicia. Cada sociedade ten un tipo de monstro que reflicte o tipo de trauma desa sociedade que o constrúe, así que atoparme con un premio literario así tan preto da miña casa é emocionante, e gañalo, xa un soño. Aplaudo moito que Concello de Dumbría e La Voz convoquen un premio neste xénero e que axude a recuperar esta figura tan alucinante do folklore da Costa da Morte que é o Vákner.

—Cada un pénsao como quere.

—Iso é o marabilloso do Vákner, un monstro moi da súa época. A referencia que temos é de finais do século XV, e daquela críase en monstros diferentes ao que somos nós. Pouco despois de que o bispo Mártiros se atopase co Vákner Colón descubría América e alí el vía sereas e xigantes. No XVIII e XIX os monstros que construimos xa eran máis parecidos a nós, bruxas, bebedores de sangue... Agora o monstro que tememos é tecnolóxico. Por tanto, podemos traer a figura do Vákner á actualidade e encarnar os nosos terrores nel, é un exercicio de fabulación fascinante. O misterio atráenos dunha forma irreprimible. Era a primeira vez que participaba no certame, pero non me estraña que a xente repita, porque se pode falar do mesmo de xeitos moi diferentes.

—Escribiu co pseudónimo de Roco Berdeogas. Ten algo que ver coa parroquia de Dumbría?

—O Roco dáme sorte. Era o nome dun can que tiven, adoito usalo e engadirlle algo máis. Finisterre no caso do premio Cebrián. O de Berdeogas veu porque, por relacións familiares, vou moito por Cee, e paso unha e outra vez por Berdeogas, nome moi evocador. Contáronme a historia de Carmela de Berdeogas, unha muller que tiña un home sen pernas, e que ela levaba cargado polos carreiros como se fose unha mochila. A historia resultou non ser así, pero dá igual, importa a imaxe que acende na imaxinación. Foi a que se me acendeu cando empecei a escrita do relato, por máis que este personaxe non apareza nel.

—E polo que agora sabemos acabou sendo moi musical.

—Os meus traballos teñen sempre unha especie de banda sonora, e incluso playlist en Spotify.

—Que buscou? No seu texto alguén peregrina ao revés.

—Certa veracidade. Imos ter fantasía, pero ha de ser unha fantasía veraz, conseguir a suspensión da incredulidade do lector. Como historiadora e xornalista teño unha serie de metodoloxías á hora de escribir. Pregunteime onde están as fontes sobre o Vákner, e só estaba Mártiros. Por que foi así? O único xeito de que non tivese transcendido máis sería quizais ter chegado a algún tipo de pacto coa poboación local, e aí xa me veu a imaxe mental potente dun pobo que podería terse aliado co Vákner ao redor dos séculos para que esta figura estivese protexida, sen descubrir.

CESAR QUIAN

«Buscando no folklore galego hai historias tan ou máis aterradoras que a Santa Compaña»

Agarda Monje moitos anos e participación para estes certames.

—No seu ensaio Mala Cosecha fala de como os medos cambiaron a historia da humanidade. Medos, rumores, monstros, fanatismo... Dumbría parece que soubo facer de algo terrorífico algo positivo.

—Aí está a habilidade de utilizar con intelixencia o patrimonio inmaterial. As crenzas poden basearse en feitos que non foron reais, pero esas crenzas poden ter consecuencias que si son reais. Podemos traelo á actualidade para falar da desinformación, dos bulos que xeran conviccións e comportamentos, a veces moi negativos. Estámolo vendo agora.

—Ten falado de «horror folk», e de que o rural dá moito de si. Está pouco traballada esta literatura?

—Temos os nosos tópicos, todo o mundo coñece a Santa Compaña. Pero buscando no folklore galego hai historias tan ou máis aterradoras ca esa, e descoñecidas. A das lavandeiras. Ou eses espazos que acolleron batallas. Todo iso está aí para ser redescuberto, de aí a importancia de certames como este, que incitan a reinterpretar, o terror fainos entender quen somos dunha maneira diferente e directa. Axuda incluso a que rapaces, xente nova, que igual non se achegarían a un libro de historia, si o poidan facer a través do cine e da literatura de terror. O terror chámanos porque conecta coas emocións. As máis potentes: o odio, o medo, a indignación.

A entrega de premios, mañá en Dumbría

Ningún espazo mellor para a entrega dos premios dos certames literarios Territorio Vákner que un albergue de peregrinos e, aínda mellor, un albergue de peregrinos de Dumbría. O acto está previsto para mañá ás 12.00, no Conco, e alí daranse cita tanto os adultos autores dos relatos premiados como os alumnos cuxos traballos recibiron máis puntuación na convocatoria escolar, de contos. Todos eles proceden de centros educativos asentados en municipios polos que pasa o Camiño a Fisterra e Muxía. Para estas plumas de futuro terán palabras Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; María Rivas, subdelegada do Goberno; Valentín González, presidente da Deputación; Raúl González, alcalde de Dumbría, e Xosé Luís Vilela, director de La Voz. Acudirán asemade o vicepresidente da Deputación, deputados, alcaldes e concelleiros dos concellos polo que transcorre o Camiño de Fisterra e Muxía, así como representantes dos centros con alumnos premiados nestas novas convocatorias dos certames Territorio Vákner.