Os tempos van asociados a recordos. Reis á marxe, as imaxes que nos quedan dos fríos xaneiros de ir pisando pozas xeadas, coller os cristais da auga, mesmo levalos á lingua ou á cara a ver se aguantabamos; ou aquilo de ler pola noites co ulido a cera da vela que nos daba luz por que a corrente marchara; todo iso, vaise. Son momentos que só volven para facer unhas liñas ou mentres conduces pola autovía e miras como medra a brétema por riba de Lume de Suso, pero pouco a pouco desaparecerán.
Xaneiro tamén son momentos de despedidas de emigrantes, pero eses recordos non se van: refórzanse. A diario. Falas con un e con outro, vas a este sitio ou a aquel, e sempre atopas a quen está a punto de marchar, pero anda mirando eses últimos detalles. A xestoría que se encarga dos papeis para cobrar, ou pagar. O fotógrafo para pechar a voda ou a comuñón. O taxista para apalabrar un transporte. O veciño para poñer a cerca onde está a sebe. Non hai sensación de despedida, certo, aínda que si exista: fálase en presente, como se se quixese esquivar a dor da marcha, unha dor que non é tan fría como a de antes. Como se houbese unha ficción lingüística, creo que involuntaria, para fixar ben as raíces e alimentalas con relacións e palabras. Un voume, pero sigo aquí, son de aquí. O de Suíza, aínda que levo aló 40 anos, é circunstancial, son de aquí e aquí seguirei. E quero saber como lle vai a vida a amigos, a familiares, a veciños, porque en parte é a miña. Non sei, imaxino que será algo así, tal como o vexo e vin en tantos xaneiros, unindo pontes que están a 2.000 quilómetros por fíos invisibles.
Estes recordos si que nos van quedar para toda a vida.