«A homenaxe a Asunción Antelo é moi merecida»

CORISTANCO

O acto celebrarase o domingo no seu Segufe natal,?en Seavia, no Concello de Coristanco

03 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo domingo terá lugar unha homenaxe á polifacética coristanquesa Asunción Antelo Suárez, máis coñecida como a Rexoubeira de Bergantiños. Con 88 anos, Asunción é campesiña, escultora, oleira, canteira e escritora. Promovido pola entidade cultural San Mamede (de Seavia), a Asociación Monte Branco de O Couto e a Asociación Amigos e Amigas de Asunción Antelo Suárez, o acto estará presentado pola xornalista Cristina Abelleira e pola filóloga Mari Carmen Pardiño.

Dolores Taibo Lavandeira, presidenta da entidade cultural San Mamede, adiantou en Radio Voz algúns detalles da homenaxe.

-¿En que consistirá o acto?

-Temos un programa moi completo, con xente que quere moito a Asunción e que a admira. Esperamos que asista o propio Neira Vilas, o cal é todo un luxo. Haberá un recital dos propios poemas de Asunción e teremos tamén actuacións musicais. Estarán, ademais, as cantareiras e bailadoras de O Couto. Finalmente, haberá unha exposición das obras e libros de Asunción.

-Para vostede, que tamén é de Seavia, ter unha veciña como Asunción Antelo, será un verdadeiro luxo.

-Si, dende logo. De feito, penso que esta homenaxe xa se tiña que ter feito moito antes. Foise deixando por un motivo ou outro pero a verdade é que é unha homenaxe moi merecida. Estamos moi orgullosos de ter a Asunción como veciña nosa e queremos que a partir de agora xurdan moitos máis proxectos coma este incluso por parte doutras entidades.

-¿A homenaxe farase na casa de Asunción?

-A homenaxe será no propio museo dela, a súa casa, efectivamente.

-En realidade trátase de homenaxear a unha muller que descubre o bolígrafo e a libreta ós 40 anos e que, a pesar diso, hoxe xa ten publicadas varias obras.

-A verdade é que o caso de Asunción, se non é único, polo menos si que é excepcional. Ten moito mérito todo o que fixo esta muller. É un ser excepcional que se interesa por Bóveda, que talla a madeira e o barro e que, sobre todo, ten unha cultura que me deixa abraiada.

-Estamos falando dunha muller autodidacta.

-Asunción é como unha biblioteca, aprendes moitísimo ao lado dela.

-Unha homenaxe moi merecida, dende logo. ¿Canto tempo levou preparala?

-Pois a verdade é que moi pouco. Só hai que ter ganas. Eu xa tiña a idea dende hai algún tempo, pero non podía facer todo soa.

-Será, sobre todo, un acto moi emotivo para Asunción Antelo.

-Claro, porque son os seus veciños os que puxeron todo en marcha. É unha homenaxe da súa terra, dos que queren a esta muller.