Día de relax e mazaroco

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CORISTANCO

RADIOGRAFÍAS | O |

02 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO aproveitei o último día de vacacións para facer unha escapada pola zona cun grupo de amigos. Xuntámonos a media mañá na praza de Carballo e dende alí partimos pola estrada de Fisterra. A primeira parada fixémola no fermosísimo castelo de Vimianzo. Durante case unha hora percorremos as centenarias pedras que acubillan sucesos vitais da historia da Terra de Soneira e mesmo de Galicia. Connosco viña un bo amigo que chegou de Cataluña hai poucos meses. Non puiden evitar contarlle o caso daquel señor Bernal Eáns de Moscoso, dono da fortaleza, que foi ata Noia para secuestrar ao mesmísimo arcebispo de Compostela que aló se atopaba con 200 soldados. Logo de levalo preso para o Val de Soneira, contan que tivo ao prelado nunha gaiola coma se fora un paxaro durante case dous anos e medio. A seguinte parada foi a vila de Muxía, onde repuxemos forzas cun xantar, antes de acudir ao fermoso Santuario da Barca. Logo proseguimos a ruta á busca do agreste cabo Touriñán. Só unha bruma teimuda nos impediu gozar plenamente dunha das paraxes máis espectaculares da costa galega. Rematamos a tarde que xa marchaba cun baño na praia de Nemiña, a aquela hora case deserta. Xa de volta, pola noite, chegando a Coristanco, atopamos unha moi importante retención de vehículos. Nesas estabamos cando un mazaroco a bordo dunha furgoneta déuselle por adiantar á caravana de coches tanto pola esquerda como pola dereita. O tipo pitaba como se levara incómodo supositorio entre as cachas. A nosa sorpresa foi ver que aquel homínido fixera todas aquelas aduanadas para irlle tomar uns chanqueiros a un bar que había pouco máis adiante.