Anda o debate político, por enésima vez, centrado nos retrasos do AVE. Nada novo. Non sei nos demais lugares, pero en Galicia temos que ter algo que explique as continuas demoras en case todo. Cando algo se fai en prazo e cumprindo os orzamentos xa é para chorar ou para botarlle unhas misas, uns foguetes, ou as dúas cousas.
E tampouco coñezo moitos casos no resto da Comunidade, pero na Costa da Morte levamos unha boa morea que, coa memoria selectiva que nos caracteriza, imos esquecendo. Lía o outro día a historia do aeroporto da Coruña, que estivo a piques de quedar en Baldaio ou na Laracha -e o seu primeiro director foi de Cee- e xa daquela era o mesmo: máis de dez anos de traballos previos e dez xustos de obras tras moitos paróns. ¡E con todo o apoio do Goberno! (¿Daquela sen el como sería?).
Aquí imos tendo cosas, pero traballo lle custa. Case todo o que me vén a cabeza se pasou de prazo ou xa vai de reenganche, como o parador de Muxía, para o que xa non hai palabras. Lembro a Casa de Cultura de Cee (épica), a de Corcubión. (A de Vimianzo foi rapidísima, iso si). A de Muxía, que non sei por que aínda se lle chama o mercado ou a Camposa, polas antigas vivendas dos mestres. O Fórum de Carballo. A autovía. ¡Ata a última e boa capa de asfalto na AC-552 dende Corcubión ata Fisterra, aló polo 98! O hospital de Cee. Os centros de saúde de Baio ou Buño. Do de Fisterra, xa nin falar. E así moitas máis obras. Claro que algunhas tamén foron a toda velocidade, como a do radar de tráfico marítimo de Berdeogas: un día fora ver como estaba e só había uns albaneis, e ás poucas semanas, de súpeto, apareceu unha especie de torre espacial.