Outra na fronte

Vicente de Lema

CEE

Ana Garcíca

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

arte e os sentimentos están en perigo. Parece que máis ca nunca. En Cee roubaron o pradairo que Concha Blanco e os seus achegados plantaron con tanto agarimo o día no que en Cee lle dedicaron unha homenaxe polo seu labor literario e formativo. Esas xornadas inesquecibles sempre acaban quedando na historia dos pobos como grandes momentos de orgullo colectivo. Tamén levaron o bastón do peregrino, a escultura que está simbolizando un feito do pasado, do presente e do futuro como o vencello de Cee e a bisbarra enteira co feito da peregrinación cara a fin do mundo. Cara a proa de Occidente, ese límite que durante séculos marcou un dos puntos finais da civilización. Unha crenza e un feito que universaliza a Costa da Morte. E tamén levaron o maletín do monumento dedicado ao médico rural porque no seu día Juan de Toba preferiu que a homenaxe que lle querían brindar a el tivese un sentimento xenérico e fose dirixido a todos os profesionais da medicina que traballaron nos lugares e aldeas da Costa da Morte, entre lameiras e carencias, pelexando por cada alento que se ía con moita falta material e recursos sanitarios. Son tres grandes símbolos que deberían ser respectados, sobre todo por humanidade. É unha pobreza que ocorran estes feitos que tanto nos degradan como sociedade. Cando vivimos no medio de xente que non é capaz de respectar estes indicadores tan humanos é como para preocuparse. É para pensar ben en como se educan ás xeracións futuras. Son demasiados ataques á sensibilidade. Non hai que esquecer a recente destrución da escultura do Atlante, en Punta Nariga. Outra na fronte dos incautos.