Presentes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CEE

04 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das miles de cousas que ten Facebook é que, ademais de avisarche de que este ou aquel están de aniversario, recupérache fotos ou textos que xa puxeches (ou che puxeron) outros anos por este tempo. A risco de ser repetitivo, pero como nunca houbo dous sen tres, vou tratar de animar a quen queira ou poida a que estes días merque do noso. E dos nosos. Os Reis están aí e hai moito e bo onde elixir na Costa da Morte. Un detalle nunca está de máis e será moi agradecido. Artesanía. Algo de encaixe, de olería, de liño. Son bos de atopar. Unha pintura, un gravado. Un libro. Ademais de todos os autores que hai, este ano que pasou houbo moi boa colleita: María Canosa (que ademais gañou o Merlín), Concha Blanco, Modesto Fraga, Míriam G. Blanco, o volume de varios autores coordinado por Branca Vilela, o dos naufraxios en Carballo de Xabier Maceiras, o libro-disco de regueifa... Esta non é unha lista exhaustiva, só indicativa. Os novos discos de Luar na Lubre, de Vintenbaio, de Xabier Díaz... Recuperar a Zënzar, que cumpre 30 anos.

Hai tendas de autor que valen moito a pena. Sitios como Stoupa en Cee nos que podes elixir algo do citado e moito máis. Iso de apoiar o comercio local parece que se gasta de tanto usalo, pero o que hai é que gastar os zapatos de tanto velo. Mirar, escoller, levar o que nos guste. Gañamos todo, tamén o que recibe. Non hai que esquecer as iniciativas solidarias, que temos varias aínda en marcha. Un calendario, un paraugas, alimentos. Tamén son bos regalos de Reis. E darnos algún capricho: temos bos restaurantes, bos aloxamentos sen ter que marchar lonxe. Presentes os Reis, presentes nos Reis.