«Escribir é unha necesidade»

No que vai de ano, María Canosa leva sete libros publicados. O último acaba de saír do prelo: «Cando cae a luz», de Urco Editora, unha serie de relatos de medo. 


Carballo / La Voz

O ano pasado, María Canosa publicou dous libros. No 2014, seis. Una boa cifra nos tempos actuais, nos que as editoras non queren correr riscos. Parecía unha cifra dificilmente superable, pero xa o foi: leva sete, e en breve aparecerá un máis, así que pechará o 2016 con oito títulos novos nas librarías. Por orde: O día que choveu do revés, de Xerais, un álbum ilustrado por Dani Padrón; DisParo, de Embora, unha novela para adultos; A que altura está o ceo, de Alvarellos Editora, con Jorge Mira e ilustración de Dani Padrón; Será correcto?, de Hércules Ediciones, coa súa nai Concha Blanco, en versión galega e castelá; Non é París, de Ediciones Bolanda, unha novela para adultos; O libro dos medos, tamén de Bolanda, poesías para nenos; Cando cae a luz, de Urco Editora, relatos de medo, e o inminente O neno inverno, unha novela xuvenil que edita Galaxia.

Son moitos libros, e ademais nun ano no que non tivo demasiado tempo libre traballando como enxeñeira de camiños na construción da autovía da Costa da Morte. «É que os tempos da edición non son os da creación -explica-. Algúns xa viñan de hai tempo». ¿Algún preferido? «Non hai fillos preferidos. Todos teñen o seu momento especial e a súa razón específica pola que naceron. Ese momento máxico no que sae a chispa é irrepetible. Como non o buscas, aparece». Tampouco hai unha fonte única ou clara para a creación: «Algúns son máis provocados ca outros. O dos medos, por exemplo, é de cando naceu Ana -a súa filla de 3 anos e medio, que onte a acompañaba na entrevista-. Vai sobre o temor á escuridade, ás arañas... Ao final do poema, vese que non hai razón para ese medo. Cada bloque vai introducido por versos de poetas que me lían a min de pequena».

Tanta edición serve, ademais, para que a escritora de Cee, nacida en 1978, retomase algúns xéneros ou se estrease en formatos. Volveu aos relatos, traballo coa ciencia da man de Jorge Mira, escribiu o primeiro libro xunto coa súa nai, fixo outra vez poesía infantil, adentrouse na novela para adultos... «Faltoume a poesía para adultos», sinala. Tanta variade débese á súa filosofía ao escribir, «buscando cousas novas -engade- para non aburrirme nunca. Facer algo distinto sempre».

A imaxinación non para: «Sigo escribindo, con iso xa se di todo. Escribir é unha necesidade para min». Estes días anda embarcada en novos proxectos, pero xa ten dúas obras concluídas que espera ver publicadas para o ano que vén, aínda que prefire non adiantar acontecementos. Todo isto conleva acudir a moitos actos, firmas, presentacións. Pero vai no cargo. Mañá sábado, por exemplo, estará no mercado de San Agustín da Coruña firmando exemplares. E o domingo, día 4 de decembro, participará no Culturgal de Pontevedra.

Paralelamente, e aínda que non teña que ver, a TVG acaba de recuperar a emisión do programa Verbas van, con Jorge Mira, a outra faceta divulgadora de ambos.

¿Escribir tanto, compensa? «Depende. Economicamente, non, pero si hai pequenas compensacións que valen moitísimo. Ese neno que se achega a ti para darche as grazas por ter escrito ese libro. A min iso emocióname moito. Ou o profesor que che comenta que algunha das túas obras gústanlle aos seus alumnos. Esas cousas. Escribir é un acto de fe, algo que fago por amor e convicción. Que necesito para desafogarme, para agarrarme aos soños, que é o único que nos queda».

«Escribir é un acto de fe, algo que fago por amor e convicción, e para desafogarme»

«Non hai libros preferidos. Todos teñen o seu momento especial e a súa razón de ser»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Escribir é unha necesidade»