Fíos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CAMARIÑAS

Onte, nun anaquiño de tempo preciso que sempre parece menos do que é, vin o que queda de dous muíños en San Cremenzo de Pazos, preto de do lugar no que se xuntan o río do Sisto e o do Freixo para formar o Grande que pasa por Baio e morre na Ponte do Porto. Poucos o saben, pero dito queda. Casualmente, na casa atopei un novelo de liño no faiado que debe levar na mesma posición dende que o colgou a muller que durante moitos anos plantou o liño en herbais que non tiñan parcelaria, e despois facía todo o proceso, que non enumerarei por fases porque non chega a columna. Mans que naceron en 1906, como a cervexa, e que pararon de moverse unha mañá, moi cedo, de agosto de 2002. Esas mesmas mans ían moer o trigo a eses muíños e polos menos un par de veces, que eu saiba -e non sei nada- viron alí a Santa Compaña. Espero que as mesmas almas deixaran xa o esgotador Purgatorio e non teñan que regresar ao mesmo sitio por temas pendentes, xa que lle caería esa alma (ou a que teñan) aos pés ao ver como vai quedando un sitio que estivo cheo de vida durante ducias de anos, e agora medran eucaliptos e abeneiros e corre o vento asubiando polo tellado. Non é o único: así están centos de muíños, de aceas (aquelas que algún listo traducía como hacia, mesmo nivel que o famoso niño de nido por niño de neno). Hai excepcións. Penso nunha preto de Cabaleiros, que dá excelente fariña da que se nutren panaderías de Carballo. O caso é que os días de brétema, nubes baixas, orballo, estorniños xuntos nunha mazanceira que xa non lle teñen medo á xente nin a nada, os fíos da memoria parece que se estenden como novelos abertos.