Aquí poderás festexar hoxe o Día do Libro na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O mago Paco estará esta tarde na biblioteca Rego da Balsa, Carballo
O mago Paco estará esta tarde na biblioteca Rego da Balsa, Carballo ANA GARCÍA

Son as citas máis destacadas da xornada, se ben tamén hai gran final no Conservatorio carballés e é ademais día de San Xurxo en Camariñas

23 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando menos sete localidades da Costa da Morte terán hoxe actividades polo Día do Libro, 23 de abril:

Carballo • Dobre proposta. Unha, nas Escolas do Xardín, ás 17.00 horas: Lemos o que nos peta. Achéguese libremente para ler un fragmento daquilo que máis lle guste, un encontro con Tone Martínez (Galeatro). Avanza tamén a Semana do Libro e a Lectura, hoxe co mago Paco ás 18.00 na biblioteca Rego da Balsa: espectáculo Ledicias.

A Laracha • Fin do mes do libro na biblioteca larachesa, ás 18.00: Aventuras da patrulla do lixo, con Pedras de Papel, para nenos a partir de tres anos. Trátase dun contacontos participativo.

Vimianzo • Tamén dúas citas. A primeira, un contacontos ás 17.30, para nenos de 3 a 5 anos. Outra, na Casa da Cultura ás 20.30, a presentación do libro En vísperas de nada, de José Pardiñas Alvite, natural de Treviño (Treos). Con el estará a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Cee • No auditorio Baldomero Cores, ás 11.00, presentación do libro ilustrado El encuentro, de David Blanco. Asisten nenos de primaria. Doutro lado, a biblioteca Francisco Mayán impulsa Préstamos a cegas: os usuarios poderán escoller un libro envolto, sen coñecer nin título nin autor, pero si unha serie de pistas sobre o contido da publicación.

Corcubión • Na biblioteca, ás 20.00 horas, presentación da novela Arsínoe, reina de Alejandría, de Nieves García Centeno. Literatura, historia, poder e valentía.

Muxía • Maratón de lectura no centro educativo Os Muíños, en horario de mañá e tarde, implicando a alumnos, docentes e familias. Elixiron o clásico Oliver Twist, de Charles Dickens. Por outra banda, da man do Concello, cita ás 18.00 na Praza da Constitución: contacontos con Teatro Ghazafelhos e entrega gratuíta de libros que procuran unha nova casa.

Zas • O CPI de Zas acollerá ás 15.00 horas un encontro entre alumnos dos últimos cursos de primaria e a escritora María Canosa. Levan tempo traballando en tres das súas obras: Teño un volcán dentro, Vagalume de versos e O neno inverno.

Gran final do concurso de solistas do CMUS carballés

Hoxe • O Conservatorio de Música de Carballo (CMUS) segue avanzando no seu programa de actividades, ben intenso e a maiores do apartado lectivo propiamente dito. Hoxe é un día importante, pois ás 18.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura, levarase a cabo a gran final do cuarto concurso de solistas. Trátase dunha audición aberta ao público e ademais poderase gozar da Orquestra do CMUS acompañando aos gañadores da edición anterior.

Mañá, intercambio

Case sen descanso, tamén para mañá ten actividade prevista o Conservatorio. Neste caso no mercado municipal, ás 19.00, terá lugar un intercambio de orquestras: a do CMUS carballés e a do Conservatorio Xan Viaño (Ferrol).

Día grande en Camariñas, o do patrón San Xurxo

Hoxe • Comezan en Camariñas varias xornadas de festa. Hoxe é o día do patrón, San Xurxo. Lanzamento de bombas de palenque, pasarrúas con gaitas e charanga, misa ás 13.00 horas, procesión cos tres voltas arredor da igrexa, pequena traca e, de novo, gaitas e charanga. A sesión vermú será con Trébol e a verbena, con Trébol e Capitol. Os pequenos terán atraccións.