Ambulancia medicalizada: un debate incompleto e a responsabilidade de todos

J. Manuel Trillo TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

Ambulancia en Coristanco
Ambulancia en Coristanco Ana García

Se ben é unha ferramenta moi necesaria, parte do colapso e da falta de recursos débese ao mal uso que se fai das ambulancias, solicitándoas para patoloxías menores como catarros ou dores crónicas sen agudización

10 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Como técnico en emerxencias sanitarias (TES) no 061 e instrutor de Soporte Vital Básico e DESA, que desenvolve o seu labor diario na Costa da Morte, asisto con preocupación ao debate sobre a necesidade dunha ambulancia medicalizada (SVA) para a comarca. É innegable que a nosa xeografía, a distancia aos hospitais de referencia e a dispersión poboacional fan que unha SVA sexa unha ferramenta moi necesaria para reducir os tempos de atención en patoloxías tempo-dependentes (infartos, ictus, traumatismos graves). Con todo, centrar todo o foco só na falta deste recurso é ter unha visión miope do verdadeiro problema da atención sanitaria urxente. A realidade que vivimos os profesionais a pé de rúa é máis complexa.

Parte fundamental do colapso e da falta de recursos cando fan falta derívase do abuso e mal uso do servizo de ambulancias. Os recursos son finitos e custosos, pero moitas veces utilízanse como unha comodidade e non como unha necesidade vital. Hai unha evidente falta de educación sanitaria na poboación. Hoxe solicítase unha ambulancia do 061 para patoloxías menores, catarros, dores crónicas sen agudización ou porque non se dispón dun vehículo para acudir ao centro de saúde ou PAC. A poboación debe entender que cando unha ambulancia está ocupada nun servizo non urxente, deixa de estar dispoñible para un veciño que poida estar sufrindo unha parada cardiorrespiratoria.

Doutra banda, os profesionais e o sistema tamén temos responsabilidade. Observamos como desde as consultas de Atención Primaria ou desde os PAC recórrese á ambulancia do 061 para traslados que poderían facerse noutros medios, utilizando os recursos de emerxencia como se fosen «taxis sanitarios» para evitar esperas. A isto súmase unha política, ás veces demasiado defensiva, desde a Central de Coordinación do 061, onde ante calquera dúbida na chamada aplícase a máxima de «enviar unha ambulancia por se acaso», saturando a frota de SVB da comarca con servizos baldíos.

Sei que as posibilidades de supervivencia ante unha emerxencia vital non aumentan só poñendo máis vehículos na estrada, senón educando á poboación en primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar e uso de desfibriladores, e facendo un uso responsable e racional do 112 e 061. A solución para a Costa da Morte non pasa só por engadir unha ambulancia de SVA —que por suposto é moi necesaria e sería de grande axuda—, senón por unha xestión responsable. De nada servirá ter o mellor recurso medicalizado se cando se necesita de verdade, está ocupado trasladando unha dor de moas ou facendo un traslado interhospitalario non urxente porque o sistema fallou na base. Aumentar os recursos sen educar no seu uso só xera unha espiral de demanda infinita que ningún sistema público pode soportar.

A emerxencia comeza na responsabilidade cidadá e institucional.