Oriol Sarmiento, do Clúster de Enerxías Renovables: «Galicia foi punteira na eólica e iso xerou riqueza a través do coñecemento»
CARBALLO
ECOVOZ | Valora como «importante» a mellora dos últimos vinte anos no sector
01 mar 2026 . Actualizado a las 22:24 h.Con 125 socios, o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) agrupa as principais empresas de eólica, fotovoltaica, xeotermia, biomasa, eficiencia ou sostibilidade enerxética. Serve, así, de brúxula para coñecer a situación actual e cara onde se dirixe este sector. Oriol Sarmiento é o seu xerente dende o ano 2020.
—Segue a ser a eólica a enerxía renovable con máis garantías en Galicia? Ou hai outras con máis potencial?
—É unha pregunta un pouco difícil, porque a situación actual non é moi optimista. A eólica está paralizada por diferentes recursos. Tamén é certo que agora esperamos a repotenciación de parques máis vellos, substituíndo máquinas vellas por aeroxeneradores máis eficientes, e que ademais permite a substitución, por exemplo, de vinte máquinas por dúas, co cal tamén o impacto visual é menor. Estamos, ademais, expectantes coa eólica offshore. Había unha folla de ruta para o ano 2030 de ter os primeiros no mar, pero isto vai moito máis lento do que quixeramos. A nota positiva é que en Galicia temos unha cadea de valor moi importante en torno a Ferrol, que está traballando para proxectos no Mar do Norte, de Europa. Pero con cada enerxía temos diferentes retos por diante.
—Un deles é o do almacenamento enerxético.
—Si, falouse moito diso despois do apagón do ano pasado. O problema que teñen as renovables é que son intermitentes. Por iso é bastante crítico o almacenamento enerxético. Estanse plantexando proxectos en Galicia, tanto relacionados con baterías como os de alta capacidade, que son sobre todo os de bombeo reversible. Neste caso temos que imaxinar que son centrais hidroeléctricas que teñen dúas balsas e que dalgunha maneira xeran enerxía nas horas nas que se necesita, e bombean nas horas nas que temos enerxía sobrante no sistema.
—É Galicia unha comunidade punteira no uso de renovables?
—Foi punteira dende os anos 90, sobre todo co sector eólico. E somos unha das principais comunidades en canto á implantación de parques eólicos dende entón. Iso levou asociado o xerar riqueza a través de coñecemento e a través da creación dunha cadea de valor de empresas, de fabricantes ou empresas de servizo relacionados con esa tecnoloxía, que crean emprego cualificado, e riqueza na comunidade. No clúster temos moitas empresas que teñen case o 99% do seu traballo fóra de España ou fóra de Galicia.
—O resto de Europa vai moi por diante nosa?
—É que a planificación enerxética é un tema moi político tamén. Vemos países que apostan por unhas tecnoloxías que van máis rápido que outros. Aquí en España tiñamos unha folla de ruta a 2030, que está establecida no PNIEC (Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima), e non imos conseguir chegar a eses obxectivos. Pero eu creo que o balance dende hai 20 anos é moi importante. En España xa se deu a práctica desaparición do carbón. No caso do petróleo, é certo que o tema da mobilidade eléctrica vai máis lento do que quixeramos, pero é unha evolución paulatina.
—Dende Cluergal ofrecen formacións. Son abertas ou só para os socios?
—Temos uns 30 cursos dedicados a diferentes tecnoloxías de renovables, de eficiencia, de instalacións. Eu creo que teremos formado a uns 3.000 alumnos. Son cursos que nestes tres ou catro últimos anos fixemos, sobre todo, de forma telemática, aínda que este ano haberá algún presencial. Son abertos á xente que queira ampliar coñecementos, que xa son do sector, pero tamén abertos á xente doutros sectores que quere formarse en renovables porque quere cambiar de sector.