Promove o Concello da Laracha e as representacións serán os venres 13, 20 e 27 de marzo
28 feb 2026 . Actualizado a las 16:44 h.Venres 13, 20 e 27 de marzo • Continúa o Concello da Laracha a programar iniciativas culturais, e desta volta trátase da quinta edición do ciclo Teatro de Salitre, con tres funcións no centro sociocomunitario da vila de Caión. Tres citas para público xuvenil e adulto, os venres 13, 20 e 27 de marzo, e todas elas ás 21.00 horas, con acceso libre e gratuíto. Tres pezas teatrais de estilo diverso, creación contemporánea, revisión histórica e comedia coa que o Concello persegue «ofrecer unha oferta variada e accesible á veciñanza». Ao tempo, descentralizar a oferta escénica e o acceso da cultura, neste caso coa colaboración do programa Dinamiz-ARTj, do Instituto para a Transición Xusta. Con cinco edicións, o consistorio aprecia Teatro con Salitre xa consolidado na axenda anual.
Sol y fuerza, da compañía aAntena Teatro, tan vinculada á Costa da Morte por medio de Bernardino Martínez e Xosé Leis, será a primeira das propostas, o venres 13 de marzo. Teatro, playback e documentos para revisar un episodio da historia que moitos aínda descoñecen. Nas táboas, Lucía Veiga, nomeada aos Goya 2025, Manu Fernández ou Virxinia Bermúdez. Para o venres 20 quedará Mala vida e pior morte de Ricardo III, de Producións Teatrais Excéntricas, unha montaxe unipersoal que leva a escena o gran Evaristo Calvo. Que visión deixou de Ricardo Shakespeare? Finalmente, o venres 27 de marzo pechará o ciclo cunha comedia de intriga da man da asociación cultural Faíscas. Leva por título Un fiambre, unha rosca e un cancán. Non perda nada!