Este vaise i aquel vaise, e todos, todos de van. Galicia, sen homes quedas que te poidan traballar. Tes, en cambio, orfos e orfas e campos de soledá e nais que non teñen fillos e fillos que non ten pais. E tes corazóns que sofren longas ausencias mortás, viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará. Galicia quedaba triste e baleira. Cantos galegos morreron polo mundo estrañando a súa querida terra natal? Mais non desesperes, Rosalía, pois a vida é unha roda e os netos de Galicia retornan agora ás súas raíces coas mesmas ganas de traballar e repoboar estes lugares coas que o fixeron os avós alá. O proceso revírtese. Os do outro lado do océano, os que unha vez acolleron cos brazos abertos a «este que se foi i a aquel que se foi, e a todos, todos que se foron», deixando a Galicia sen homes que a puidesen traballar, son os que veñen agora, co corazón tamén roto polos seus amados países.
Cada ano, miles de persoas abandonan os seus fogares en Latinoamérica para intentar asegurar futuros que se tornaron practicamente inalcanzables nos seus países de orixe. O despoxo económico, a falta de acceso ao emprego, á sanidade, a violencia… teñen motivado a persoas de todo o mundo, pero principalmente dos países latinoamericanos, a buscar unha nova vida en España.
Cada 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro. Este ano quero lembrar, da man desa nosa extraordinaria autora, a todos os galegos que fomos emigrantes e a todos os inmigrantes que hoxe veñen aquí tamén coas súas maletas cargadas de soños e de medos. Por todos eles. Por todos nós. Pola nosa grande e maxistral Rosalía de Castro, onte, hoxe e sempre!