Xurxo Souto trae a Carballo «A novela do bravú»: «As cousas que hai fóra dos focos»

M. R. S. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xurxo Souto e Mon Lendoiro, en Radio Voz
Xurxo Souto e Mon Lendoiro, en Radio Voz TONI LONGUEIRA

O humor está moi presente na súa obra: «Ese é o espírito galego, tirar para adiante con alegría»

07 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 12.00 horas • Casino de Carballo • O docente, escritor e músico coruñés Xurxo Souto presenta este sábado o libro A novela do bravú, editado por Xerais. Estará acompañado do presidente do Casino, Víctor Lorenzo. O autor pasou polo programa O Recuncho de Mon, en Radio Voz, para comentar todos os detalles.

«Isto non é (só) un libro de música», recóllese na sinopse da publicación. Efectivamente, a obra recolle «gran parte da historia dos 90 que a todos, en gran parte, nos afectou e que moitos, os que xa temos unha idea, desfrutamos», como dixo o locutor Fran Rodríguez.

Entre verso e verso, o sempre carismático comezou dicindo que para el Carballo é casa: «Chego e estou encantado!». De feito, lembrou acompañado de Mon Lendoiro que a capital bergantiñá «foi a proba do algodón do bravú no San Xoán do 92. Tocamos dúas horas, démolo todo!».

Marisol Manfurada, unha pioneira do rap en galego, protagoniza a portada de A novela do bravú: «Naceu en Mera, Ortigueira, e criouse en Londres escoitando Fuxan os Ventos, entre outra música. Na imaxe está na dársena da Coruña berrando porque tiñamos barcos pesqueiros e metéronos fóra para traer os iates», recordou o escritor.

Niso consiste en certo modo o novo de Xurxo Souto: «Contar as cousas que hai polas marxes, fóra dos focos, pero onde hai vida e vivimos aventuras extraordinarias».

«Que che gustaría que os lectores novos que non viviron os anos 90 entendesen cando len este libro?», preguntoulle Mon. «Pois que pasou, que aconteceu, e que souberan destes referentes, cando había gurús nos tempos que o galego non valía para o rocanrol, produciuse unha anomalía: organizámonos e empezamos a facer cousas xuntos», explicou en Voces de Bergantiños.

Espírito galego

O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto ten moi presente o humor nos seus parágrafos. «Ese é o espírito galego, tirar para adiante con alegría», asegura.

Para o acto de hoxe á mañá asegura moitos cantos. «O bravú naceu dende os barrios e hoxe segue sendo posible», afirmou nas ondas, onde citou a artistas e grupos como Mondra, Zënzar, Rodrigo Cuevas, Mercedes Peón ou Baiuca, sen esquecerse, do mesmo xeito, da forza da regueifa. Mesmo interpretou uns versos dos Bardos de Ponteceso.

Agora, coa banda Xangai, Vigo será a seguinte parada.

O Casino de Carballo, «un edificio que ía desaparecer», supón para el un acontecemento especial. A cita promete grandes momentos.