Agora que comeza o ano novo, na casa da miña nai só quedan obxectos prácticos, útiles, ou ben —polo menos— esteticamente agradables. Ano tras ano, trala recollida dos obxectos decorativos do Nadal, ela di: «Se non serve, fóra» e «Se hai que cambialo, veña». Porén, un ano tras outro si resiste ao seu férreo proceso de purificación e varrido integral do fogar unha pequena e pétrea pila de cintas miñas de VHS, absolutamente inservibles a día de hoxe salvo, quizais, pola (dubidosa) parte estética ou emotiva.
E aquí farei, permítaseme a licenza, un duro mais tristemente certo paralelismo entre esas anacrónicas cintas e a organización que supostamente está para velar polo benestar internacional. Pregúntome que fixo a ONU durante os 26 anos de xugo chavista en Venezuela, á parte de quedar mirando cos brazos cruzados mentres a poboación do país, un dos máis ricos do mundo, malvivía (malvive) ou fuxía para poder sobrevivir. Pregúntome que fixo nestes case catro anos de conflito en Ucraína. Ou en Israel e en Gaza. Ou en Siria. E que pasa coa erradicación dos cristiáns en Somalia, en Nixeria? Ou coa brutal e ignorada guerra civil de Sudán? E co Tíbet desde 1950, que xa choveu (tanto, que nin existían as VHS, as Beta nin as 2000)?
Moitas frontes abertas, si, pero, á parte do seu escaso ou ausente e lento labor humanitario e de servir de plataforma para diálogos, moitas veces inútiles, a pregunta de que aporta a ONU vénnos á cabeza. Está claro que se precisa dunha reforma profunda deste organismo. Do contrario, seguirá servindo para pouco máis que esas cintas obsoletas de VHS que algún ano acabarán, inevitablemente, no caldeiro do lixo da casa da miña nai.