Matrículas de Suíza

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Emigrantes en Ginebra toman un bus hacia Galicia
Emigrantes en Ginebra toman un bus hacia Galicia S. GARRIDO

15 dic 2025 . Actualizado a las 11:31 h.

Hai cousas que, por decembro, son incapaz de deixar de facer, e tampouco lle fan dano a ninguén que se fagan. Unha, que xa vén de moi neno, é o das matrículas suízas. Eu busco por elas como noutros lugares miran polas primeiras neves, ou polas andoriñas adiantadas en marzo, esas que veñen a comprobar se os niños de sempre aínda valen, ou hai que facer outros ao lado. Algún día (é dicir, nunca) escribirei un libro coas experiencias directas e fotos da nosa corte, que son xa case cincuenta anos ollando cara elas e tratándoas como se fosen da familia. Pero, o das matrículas: estou sempre a ver cales son as primeiras que atopo, as dos emigrantes que xa adiantan as súas vacacións e manteñen os percorridos sobre rodas, aínda que EasyJet e o cambio xeracional mudou moito isto. E si, seguen.

SANTI GARRIDO

Esta semana vin dúas do Valais (VS), e non son moi habituais na nosa zona, e iso que sei de xente por Zermatt ou sobre todo por Sion que andan por alí. As habituais son a GE (Xenebra), a ZH (Zúrich), a BL oe BS (Basilea cidade ou campiña), a de Vaud (VD), por Lausana; a de Solothurn (SO), a de Neuchatel (NE), por suposto a de Jura (JU), por Delémont... Na miña parroquia hai unha de Lucerna (LU) que leva indo e vindo case sesenta anos, e durante moito tempo a BE de Berna foi a principal. Eu creo que aprendín todos os cantóns de Suíza grazas a estas placas, e souben distinguilas primeiro que as de Huelva ou Huesca, e xa non digo León ou Logroño. Imos vellos, os novos non entenderán de que estou falando.

Si, son esas cousas de decembro, como ir ver as cheas, as primeiras xeadas, os primeiros catarros, e a consciencia de que o tempo vai cada vez máis veloz. Pero moito.