Misión: engancharse ao galego vía regueifa

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Ata a primeira semana de decembro, haberá unha ducia de obradoiros no IES Parga Pondal, CEIP Nétoma-Razo, A Cristina, IES Alfredo Brañas, Canosa-Rus e Gándara Sofán

21 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un regueifeiro nace ou se fai é un vello debate que sempre sae a relucir, mais o certo é que nas aulas se teñen pescado bos talento para a improvisación oral e, á vez, semente para o galego. Xustamente esas dúas cousas é o que procuran os obradoiros escolares da nova edición do Enreguéifate en Carballo, berce desta arte. Os talleres deste proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo, botaron a andar onte na capital de Bergantiños.

Son xa un referente na divulgación da regueifa como vía para revitalizar o idioma, especialmente entre a mocidade. Así, e ata a primeira semana de decembro, haberá unha ducia de obradoiros no IES Parga Pondal, CEIP Nétoma-Razo, A Cristina, IES Alfredo Brañas, Canosa-Rus e Gándara Sofán. Mesmo continuarán á volta do Nadal! Fóra de Carballo, ata febreiro do 2026 chegarán a ser case 80 talleres para escolares de quinto e sexto de primaria, así como da ESO, dos seis concellos implicados. E quen vai facer que os rapaces prendan imaxinación? Pois Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, dous auténticos referentes.