Así soa «A Beleza», o adianto do segundo disco de Antía Muíño 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

.

É o comezo dunha nova etapa creativa por parte desta artista con raíces na Costa da Morte

31 oct 2025 . Actualizado a las 16:42 h.

É o primeiro adianto do seu segundo álbum, e é tamén o inicio dunha nova etapa creativa. Iso, exactamente, é A Beleza, de Antía Muíño, artista compostelá con raíces en Cee e Baio que xa co seu primeiro traballo, Carta aberta, 2022, conseguiu consolidarse como unha das revelacións do folk-pop e da canción alternativa de autor. Pasaron dende aquilo tres anos, varios singles e un split co pianista Abe Rábade. Chega agora este tema, no que a canción continúa a ser o centro, mais alimentada neste novo tempo de elementos que veñen do folclore galego, do jazz e da canción melódica. 

.

«A Beleza é case unha exhalación, onde influencias como Sílvia Pérez Cruz ou Rita Payés dialogan con outras como Ana Belén ou Jorge Drexler», detallan: «A canción móvese con levidade, cunha instrumentación acústica que marca a pauta dese son a madeira pero á vez modernista que define as súas producións. Neste caso, conta coa colaboración do prestixioso produtor galego Hevi, recoñecido polo seu traballo con artistas como Novedades Carminha, Ortiga, ou Caamaño & Ameixeiras, entre moitos outros».

Xa está dispoñible este adianto nas principais plataformas dixitais.