Unha cerimonia inaugural

Manuel Antelo O FAROEL FIN DE UNA ETAPAEL FIN DE ETAPA

CARBALLO

24 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega o mes de xuño e con el as celebracións das graduacións de bacharelato. Máis que unha novidade, xa son unha tradición que entrou para quedarse con nós.

A graduación vén a ser unha cerimonia inaugural dunha muda vital de quen transita na vida e inicia un novo camiño. É un ritual que cómpre facer para recoñecer a pertenza a unha identidade colectiva, a do grupo que os acubillou durante os anos de secundaria, e que sementará o futuro de lembranzas e tamén de saudades. É unha forma de reafirmarse dentro da comunidade social, diante da familia leda e emocionada polos cambios que están vivindo. É unha maneira de facerse presentes e protagonistas. É outro xeito de tratar as eternas preguntas: quen somos, de onde vimos e a onde imos?

Saben os bachareles que outra andaina comeza, con novos retos e realidades. Entrar na universidade, na formación profesional ou no mundo do traballo, deixando atrás a etapa adolescente. Agora toca aprender a ser case adultos, a case emanciparse e a ser autorresponsables na forma propia de vivir. Tocará coñecer novas compañías no camiño, e tecer novas redes de relación e amizade para, dentro de non moito, facer outra graduación, que pechará esa etapa á porta dun novo mundo de adultez plena. Mais, é importante estar en cada momento e vivilo como se fose único.

A vestimenta elegante, a música, os discursos, os flashes, as ceas e as festas das graduacións de bacharelato son a expresión dunha mocidade que vive o seu tempo e quere protagonizalo.

E fan ben!