Plásticos

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

ANA GARCÍA

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda moita xente abraiada porque ve polas redes sociais unha illa de plásticos no medio do océano. E pregúntase por que ocorre. Facemos habitualmente esta pregunta no salón da nosa casa ou sentados con coñecidos na mesa dalgunha cafetería. O misterio é fácil de resolver. Se calquera vai dar un paseo por algunha praia da Costa da Morte verá, con seguridade, algúns cachos de redes ou de nasas, quizais un envase de crema solar, é posible que algún bote de cervexa ou refresco, envoltorios, restos varios de instrumental de limpeza persoal e obxectos das máis diferentes clases e procedencias, por non esquecerse dos microplásticos, presentes na maior parte dos areais. O mar e as praias non son un vertedoiro. Habería que respectar este medio coma o noso fogar. Hai unha entidade, Mar de Fábula, que dedica moitas fins de semana do ano a retirar todos eses refugallos. Fai un labor encomiable, pero son moitas máis as mans dedicadas a lixar cas que limpan, por moito traballo e esforzo que lle poñan. As confrarías de pescadores tamén deberían poñer máis empeño nas boas prácticas nos portos. Da pena pasear por algúns dos peiraos e ver restos de redes estrados polo chan. Así que, nada que chova ou que vente, eses fíos van para ó mar. Están tirando pedras contra o seu propio tellado. Os peixes non comen plásticos. Ao contrario, moitos morrerán cando tragan eses produtos. Costa tanto pasar unha vasoira, aínda que sexa vella, e varrer os restos dos aparellos despois de tecelos? Tiñan que ser os propios pósitos os que concienciasen aos seus socios.

É un labor de todos coidar o medio que nos deu a vida.