Letras arreo no maior refuxio da lingua galega: a Costa da Morte

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Inauguración en Cerceda dun mural en recordo a Rosa e Adolfina Casás
Inauguración en Cerceda dun mural en recordo a Rosa e Adolfina Casás CONCELLO DE CERCEDA

A Costa da Morte acolleu numerosos actos con motivo do Día das Letras Galegas

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte volve ser a comarca na que máis se utiliza a lingua galega, segundo a última enquisa publicada polo Instituto Galego de Estatística, pero este ano tamén gozou dun protagonismo especial durante o Día das Letras Galegas, sendo as sete mulleres homenaxeadas naturais de Cerceda, Malpica e Muxía.

Esta circunstancia notouse, e moito, na cantidade de actos que onte —xornada non lectiva, ademais— tiveron lugar na bisbarra. Xunta e RAG elixiron terras malpicás para conmemorar a efeméride de xeito oficial, e no Couto entregáronse unha nova xeira de premios Bos e Xenerosos, pero tamén houbo presentacións de libros, dúas rutas literarias en torno ao Vákner e á figura de Gonzalo López Abente, festivais musicais e tradicionais, concertos de corais, representacións teatrais, obradoiros ou a entrega de galardóns de certames celebrados en Camariñas, Coristanco ou Carballo. En Cerceda, terra natal de Adolfina e Rosa Casás, inaugurouse un mural artístico na súa memoria.

Ruta do Vákner en Dumbría
Ruta do Vákner en Dumbría BASILIO BELLO

E hoxe...

Muxía. Homenaxe a Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas nestas Letras Galegas, na que foi a súa casa de Agranzón. Será ás doce do mediodía e participará a agrupación de pandeireteiras As Abaladeiras de Muxía.

Malpica. A coristanquesa Lupe Blanco impartirá un obradoiro de regueifa no campo da festa de Mens, de cinco a seis e media da tarde. Poderán sumarse persoas dende os dez anos de idade e haberá un número limitado de prazas, 30, que se asignarán por orde de chegada ao lugar.

Ruta Abentiana e ofrenda floral en Muxía
Ruta Abentiana e ofrenda floral en Muxía XAN FERNÁNDEZ CARRERA

Cerceda. O auditorio municipal cercedense acollerá hoxe a representación da peza teatral Agora que vén a noite, baseada na novela homónima de Marcos Calveiro. Será ás doce do mediodía.

A Laracha. As asociacións culturais Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco participarán nun espectáculo de música e baile tradicional. Será ás seis da tarde, na Praza Les Sables d'Olonne.

Semente Festiletras, no Couto
Semente Festiletras, no Couto BASILIO BELLO

Carballo. Xosé Manuel e Icía Varela continúan coa súa xira de presentacións literarias e hoxe estarán polo local social de Cances, en Carballo, para falar da súa publicación Cantareiras. O acto será ás seis da tarde.

Vimianzo. O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo acollerá este domingo unha mostra de pezas dramatúrxicas preparadas polo alumnado da Escola Municipal de Teatro Infantil. Será ás catro e media da tarde.

Certame de pintura e debuxo de Lumieira, en Carballo
Certame de pintura e debuxo de Lumieira, en Carballo BASILIO BELLO

Lires. O BNG ceense promove para hoxe un vermú con motivo das Letras Galegas na Braña, Lires. Será ás doce da mañá e incluirá a presentación do libro Cantareiras, de Icía e Xosé Manuel Varela; recital poético e intervención musical das pandeireteiras da Braña.