«Si por fado do Perello / morro lonxe da terriña, / anque sexa por correio / mandádeme á miña aldea! / Si eiquí me enterran eu toleo! / Non me acostumo antre mortos / que non falan o gallego!».
Así remataba Enrique Labarta Pose o seu poema Que me enterren aló!, escrito en Barcelona, cidade na que faleceu hai hoxe cen anos. Aínda que a emigración de Labarta seguramente fose voluntaria, iso non impediu que a morriña se apoderase do seu espírito. Boa proba son as súas continuas viaxes a Galicia para saudar aos seus amigos, e así o testemuñou o famoso cura agrarista Basilio Álvarez nun artigo no que relata un encontro co baiés logo de que este fose destinado a Toledo, onde puido comprobar os padecementos que sufría pola moita morriña e o seu pánico a morrer lonxe da terra. E a morte pode chegar cando menos a esperas.
Debeu ser o fado do Perello o que fixo que o 9 de abril, Xoves Santo, Enrique e os seus fillos Enrique e Ventura viaxasen no tren que saíu ás seis e media da tarde da estación de Les Planes. Logo de quince minutos de traxecto, e a consecuencia da alta velocidade, o tren descarrilou no distrito de Sarrià e os seus tres vagóns acabaron practicamente desfeitos co impacto contra o chan ou contra un muro que circundaba a vía. As noticias falaban de 22 mortes e máis de cen feridos. Entre estes estaba o poeta baiés, que foi trasladado ao Hospital Clínico con fractura de catro costelas, o que lle provocou unha conxestión pulmonar. Por sorte, os fillos non resultaron feridos.
A prensa barcelonesa fíxose eco dos seus desexos de ser operado, pero os médicos non o fixeron debido a esa conxestión. Evolucionou moi ben nos seguintes días, o que lle permitiu erguerse da cama. O día 25 déronlle a alta e regresou ao seu domicilio. A súa mellora foi tal, que mesmo se presentou no xulgado para tomar parte no proceso que se estaba instruíndo para depurar responsabilidades do accidente. Sen ninguén contalo, Labarta tivo que volver ser ingresado no hospital. O seu estado non era tan bo e o 6 de maio foi operado de urxencia. A intervención mellorou a súa situación, aínda que seguía sendo delicada. Catro días despois, os médicos dixeron que o fatal desenlace podía darse dun momento ao outro, e así foi. O 13 de maio faleceu Enrique Labarta en Barcelona, onde foi enterrado no cemiterio de Les Corts, «lonxe da terriña».
Enrique Labarta non tivo unha vida fácil. A pesar de formar parte dunha familia burguesa de boa posición económica, a morte roldou a súa traxectoria vital desde a súa tenra infancia. Fillo do boticario ourensán Francisco Labarta e da baiesa Ramona Pose, foi o cuarto fillo e único varón dese matrimonio. Pero a felicidade familiar pouco había durar. Cando estaba a piques de facer o seu primeiro ano de vida, perdeu á súa irmá María Generosa. Cando tiña seis anos e medio, perdeu á súa nai, que faleceu en Santiago de Compostela en xaneiro de 1870, e ese mesmo ano, no mes de decembro, quedou orfo tamén de pai, que morreu na súa casa de Baio. Con sete anos, Labarta perdera xa aos pais e a unha irmá, aos que lles habería que sumar á súa madriña e á súa prima Cándida, falecida en Padrón en decembro de 1869. Os tres irmáns Labarta Pose foron para Santiago ao coidado do seu tío José Labarta, cóengo da catedral e residente na rúa da Caldeirería. Alí tamén vivía o tío Luis Labarta e axiña virían desde Noia os descendentes doutro tío, Tomás Labarta, para convertérense todos eles nunha das familias máis coñecidas da cidade.
Gumersinda, irmá de Enrique, casou no 1872 en Compostela co farmacéutico padronés Marcelino Eulogio Astray —de familia que no futuro tería moita relación con Baio— e instaláronse en Carballo e, despois, na Laracha. Nesta vila faleceu no 1877 e o poeta, con apenas 14 anos, dedicoulle un sentido poema. A súa outra irmá, Consuelo, casou en Baio no 1789 con Manuel Álvarez-Cedrón e abandonou Santiago, onde quedou Enrique estudando Dereito.
No 1884 o noso poeta acabou a carreira, publicou o seu primeiro libro e casou con Elisa Martínez del Río. Residiu con ela na rúa Carretas, ao pé da catedral, e axiña chegarían os primeiros fillos. En novembro do 1887 naceu Enrique Joaquín Eugenio, pero a felicidade acabou a finais de febreiro, cando morreu con apenas tres meses. En xaneiro do 1889 naceu Enrique Cándido Esteban, que levaba os mesmos tres nomes do pai, mais duroulle menos có anterior, xa que faleceu con dous meses. En abril do 1890 naceu Eduarda Gloria Estrella, que correu a mesma sorte dos anteriores e con catro meses faleceu. Non tiña Enrique 27 anos e xa lle morreran os pais, dúas irmás e tres fillos.
Por sorte, puido ter dous fillos máis, Buenaventura e Enrique, que naceron no 1891 e 1892, respectivamente. O nacemento deste último coincidiu co traslado da familia a Pontevedra, onde residirían os vindeiros anos. Pero a ledicia da familia na cidade do Lérez tan só durou un decenio, pois en outubro de 1902 faleceu Elisa, con 36 anos. Quedou o noso poeta con dous fillos de 11 e 10 anos, e aínda que un ano despois casou con Felipa Genovés, un matrimonio que acabou fracasando e que levou a Enrique a vagar por distintas cidades ata que se asentou en Barcelona, onde o fado do Perello, que o roldou toda a súa vida, acabou por enterralo lonxe da súa aldea. Un destino do demo.