Crítica teatral | 33 FIOT | «No teatro non só falamos de sentimentos, tamén de construción dun relato desenvolto con eficacia para que o espectador non se perda nas bágoas do personaxe», escribe Santi Pazos
08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Igual xa o teño contado. De pequeno pensaba que ninguén neste mundo podía sentir como eu sentía. Que ese eu interior era único e incomprensible para aquel mundo exterior, erroneamente desafecto, no que vivía. Un suspiro impertinente que me desgustaba. Acordeime o domingo, de novo, vendo esta obra, e comprendín que só con sensibilidade non se vive, nin se constrúe un espectáculo por moitos coloretes que luzamos e tenros obxectos que amosemos. A memoria si. Fundamental. Xa dicía María Casares, nas súas memorias, que quizais a morte chega cando xa non hai vida para facer dunha ferida unha fonte. Entendo que a ferida é a vida e a fonte a forza da memoria.
En Olvido flores, unha proposta do proxecto Camiño Escena Norte, recibimos un empacho de sentimentalismo persoal que pasa dunha primeira parte ben estruturada teatralmente a unha segunda parte final que se eterniza divagando sobre aspectos que ben puideron ser desenvoltos antes. Con todos os respectos por esa historia que conta e que merece ser recordada. Pola memoria de tanta xente sepultada nas cunetas que espera descansar en paz e que a súa honra sexa restaurada. Miren o que está a pasar actualmente en Orihuela con Miguel Hernández.
Mais no teatro non só falamos de sentimentos, tamén de construción dun relato desenvolto con eficacia para que o espectador non se perda nas bágoas do personaxe. Neste caso penso que a primeira media hora está perfecta e o resto sobraba.
Saúde e longa vida…