Paciencia

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

ANA GARCÍA

08 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As obras, públicas e privadas, son molestas e ás veces insufribles e demoníacas, pero recoñezamos que son imprescindibles para mellorar a calidade de vida. Agora ben, temos todo dereito a debater sobre os tempos, previsións e oportunidade. Se atendemos hoxe a situación de Carballo, todos eses factores negativos confabuláronse, coma os idus de marzo, para martirizarnos en grado sumo. E, aínda sendo así, temos a obriga de ser considerados e cooperar individual e colectivamente para superar este calvario de xeito positivo e non alporizándonos nin pensando que esta condena é un castigo persoal. Poden crerme se lles digo, non sen certa ironía, que nin a Xunta (responsable das obras), nin o Concello (responsable do tráfico e das alternativas viarias), nos teñen xenreira algunha.

Iso si, puideron ser máis dilixentes nos prazos de execución, na información e nas alternativas. Deixar coincidir o peche das pontes que conectan o centro de vila, onde se concentran a maioría dos servizos públicos, con dous barrios tan populosos como o da Casilla e A Milagrosa e as súas conexións con outras parroquias e vilas limítrofes, non se corresponde coa xestión que esperamos dunha institución autonómica tan “eficiente” como insiste en proclamarse a que nos goberna dende Santiago. A mesma eficiencia dos que esperaron ata o último día para asfaltar un camiño para que os carballeses poidan pasear ou practicar deporte polas beiras do Anllóns, ou non ter pensado en alternativas de “transporte público” que disuadan o uso de autos privados para fuxir do monumental atasco que se aveciña. E a pesares de que todo se podía ter feito mellor, desexamos que a conciencia cidadá facilite un bo tránsito. Paciencia!