Millodoiros

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

ANA GARCIA

Si, o titular ese de millodoiros está (ben) mal escrito. A palabra non existe mais ca no meu maxín. Vai sobre esa acumulación cada vez maior de pés de millo en todas as leiras posibles, e tamén naquelas que ata hai nada eran monte de toxo e mato, botáronlle ganchos e cadeas, e agora están cheas de regos con cencenos, espigas, e se cadra algún caruncho. Pero nin caruncho leva xa este millo novo de fóra de todo. Non vos fixades que ata é perfecto polos altos? Como conseguen esas marcas que se anuncian nas súas beiras que todos os pés midan exactamente o mesmo? Todos ben postos, en filas para un lado e para outro, coma un exército de soldados de terracota, coma unha formación militar de Corea do Norte, que ata cando os move o vento van tan perfectos no compás que semellan eses gráficos dos ordenadores que levan os puntiños todos a unha.

ANA GARCIA

Ai, o millo vello. Aquel que un era un xigante e o do lado un anano. O que botaba dúas espigas e o que só daba un rebico. De barba branca, de barba vermella. O que deixaba medrar polo seu tallo ramada que anos antes eran as fabas, e ben valía para enlearte nas pernas e nas mans, para suar e sufrir. Millo recio, duro, do país. Sei do que falo, que levo toda a vida esfollando e boto ben de menos o de antes, o de esfolladores clásicos, porque as casulas de agora parecen de crema. Pillei pichorros, como lle chaman nesa festa que os recupera, cando eran cotiás. Agora os esfolladores xa somos mohicanos, e todo ese millo grande, ben posto, que medra por todas partes (anotación nada científica: este ano hai máis ca nunca), que parece de exposición ou feira de mostras, xa vai todo para silos, con esas máquinas grandes como saurios que comen todo en media hora. Levan sen paixón nuns minutos o que antes eran días de rogas e tallos, reinas e medas, maneiras de vivir e agora de lembrar.