Escribe María Lado: A literatura salvounos do terror

María Lado Lariño

CARBALLO

.

En primeira persoa | Cando me preguntaban que quería ser de grande, respondía que Agatha Christie

25 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces, cando conto como cheguei a escritora, por atraer a atención do auditorio, empezo dicindo que fun criada pola bibliotecaria da miña vila. Isto é só un titular efectivo para ilustrar que pasei moitas horas nos sofás de veludo da vella biblioteca de Cee. Convén aclarar tamén que fun filla única e descendente de tendeiros, en tempos nos que a conciliación consistía en que as criaturas estorbásemos o menos posible no negocio familiar. Por iso buscaba a compaña de Bambi, El viento en los Sauces, El mundo de Puff (que foi como se traduciu no 89 Winnie the Pooh) e moitos outros libros que escollía con liberdade absoluta.

Falo así sabendo que as nosas biografías, na súa elaboración, non son moi distintas das narracións. Unhas e outras precisan unha frase inicial que faga saltar o fecho, que abra un chisco a porta pola que desexas mirar. E que nos construímos de recordos escollidos que depuramos literariamente ata que ninguén —nin ti mesma— sospeita da súa veracidade.

En realidade medrei nunha familia de xente contadora. Meu bisavó, Papá Manolo, era un gran narrador oral. Meu pai e miña nai teñen ollo clínico para a anécdota. Porque iso hai que telo. Cousas pásanlle a todo o mundo. Pero se es desas persoas que van polo pan e volven cunha barra e «un caso que che pasou» entón é que ves historias onde outra xente só foi facer un recado. Na miña casa, a eses seres cándidos díselles que son xente que anda polo mundo, pero o mundo non anda por eles. Unha definición moi atinada.

Así empezou a miña relación coa literatura. Unha fascinación pola oralidade que decontado se converteu no solitario pracer de meter os fuciños nos libros. De nena, cando me preguntaban que quería ser de grande eu respondía que Aghata Christie. Sin ser yo nada de eso, porque non a lera e seguramente me namorara dela unha foto de contraportada na que se daba un aire a miña bisavoa Emilia.

Epifanía

Durante un tempo asumín que ler era algo distinto de escoitar. Vía clara a fronteira que separa a historia que che contan da que se le. Pero un día tiven a miña epifanía. Con dez anos comecei a desenvolver un pavor absoluto á soidade que se manifestaba sobre todo de noite. Por nada do mundo quería durmir soa e moito menos durmir. E se me asaltaban pesadelos terribles? E se mentres descansaba ocorrían as peores traxedias?

Non, durmir era un ensaio da morte. E eu non quería morrer. E moito menos soa. Con paciencia infinita, a miña familia probou todo tipo de artimañas, unhas máis

infrutuosas ca outras. Finalmente, nunhas vacacións de Nadal, concluíuse empregar a miña prima Genoveva, que é do meu tempo, para algo completamente inusual: como medida extraordinaria, Vevita pasaría uns días en cas miña avoa materna. Durmiriamos xuntas.

Dúas serpes

Chovía e non había moito que facer, así que nos dedicabamos a explorar os tesouros agochados nos caixóns. Daquela meu avó estaba embarcado e traía libros á casa. Así chegou a nós La historia interminable. Dúas serpes enlazadas na portada e escrito en dúas cores, quen podía resistirse?

Como eramos dúas e miña prima tiña claras instrucións de facerme sentir a gusto, propúxenlle que o lésemos en voz alta, un capítulo cada unha, e aceptou. Aínda que aguantou pouco como lectora e enseguida se acomodou no papel de oínte. Líallo polas tardes, na barra das patacas, sentadas nos cestos que miña avoa usaba para a herba, ou na cama, escasamente alumeadas por unha minúscula bombilla que saía da boca dun peixe. Eu seguía lendo cando ela adormecía e contáballo á mañá seguinte. E seguía lendo ata que eu mesma caía esgotada e por fin durmía. Foi a primeira vez que lin en voz alta para alguén.

As ríxidas fronteiras acababan de quebrar. Anos despois empecei cos poemas e descubrín que a poesía é anfibia nese sentido. Pero ese acto cerimonioso de ler a medias en voz alta é algo que gardo para quen amo. É un xesto íntimo. Porque o tempo que lemos xuntas ocorre dúas veces, e non estamos para desperdiciar o amor.

Aqueles días de Nadal recórdoos máxicos e sanadores. As nosas cabezas asomadas ao libro, as guedellas caendo nel como nun pozo. A Vevita débolle a complicidade. Ela estaba alí cos seus ollos grandes cando a literatura nos salvou do terror, da nada e da morte.

Uns apuntes biográficos

María Lado Lariño. Naceu en Brens (Cee) en abril de 1979. É filóloga e produtora audiovisual. Empezou como escritora no Batallón Literario da Costa da Morte. Ten colaborado en diversas publicacións galegas e portuguesas. Tamén tradutora. Ten un premio María Casares ao mellor texto pola obra Anatomía dunha serea. Entre os seus moitos galardóns figura o de Poesía erótica Illas Sisargas, por Amantes. Este ano vai ser a pregoeira da Praza dos Libros de Carballo, o día 6, ás doce e media do mediodía.