Hoxe, se mo permiten, quero falar do amigo Fran Rodríguez, de Radio Voz. Personificando no seu nome unha pequena homenaxe a tantos periodistas e colaboradores que estes meses traballan sen descanso para que as propostas políticas, acompañadas das novas de actualidade, cheguen á cidadanía
02 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xa sei que tocaba falar de éxitos e fracasos, alegrías desatadas e lágrimas desbordadas, complicadas gobernanzas e acomodadas maiorías. Tocaba falar de Maquiavelo e estratexias erradas e da traizón a César para desmontar a inxenuidade que conteñen tantos confiados abrazos que recibimos e damos. Pero tamén supoño que estarán fart@s de ler e rumiar comentarios de todas as tendencias sobre as eleccións e por riba teremos as xerais en dous meses. Un golpe de efecto de Sánchez, experto en crecerse ante a adversidade. Mais hoxe, se mo permiten, quero falar do amigo Fran Rodríguez, de Radio Voz. Personificando no seu nome unha pequena homenaxe a tantos periodistas e colaboradores que estes meses traballan sen descanso para que as propostas políticas, acompañadas das novas de actualidade, cheguen á cidadanía. A fin de contas é a imprescindible labor democrática que sempre fan. Como todas esas horas de emisión que compartimos durante a pandemia e o confinamento intentado despexar incertezas e medos, analizando e reflexionando sobre todas esas consecuencias imprevistas que, desgraciadamente, en moitos casos, cumpríronse. E tendo sempre como referente as opinións dos expertos. No noso caso cada palabra era medida e meditada antes de ser pronunciada. Sabiamos que moita xente que nos escoitaba precisaba recibir mensaxes sen estridencias. Tamén falamos de teatro. Só faltaba! Agora tocan, de novo, centos de entrevistas a políticos e transeúntes. Esperando que chegue agosto para desconectar. Por iso, amigo, recibe unha gran aperta como recoñecemento extensible a Patricia, Josito, Garrido, Lema, Longueira, etc... Eu son analóxico, non sei vivir sen un transistor pegado a orella. A próxima semana falaremos da oposición e do goberno. Prometido.