Non empurren!

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

P. BLANCO

13 may 2023 . Actualizado a las 21:24 h.

Dicía o escritor e cineasta David Trueba que «as campañas electorais consisten nun exercicio de desmemoria, unha extirpación dos recordos... Comezar de cero para seguir sendo cero». Unha afirmación desacougante para os que entendemos que o cambio social é un proceso progresivo e inevitable. Por desgraza non sempre para mellorar. O ser humano non se diferenza tanto na forma de andar dos cangrexos que, en contra da crenza metafórica, non sempre andan cara atrás. Os avances, en moitas materias, son patentes. Outra cousa é que queden gravados para sempre no noso ADN. Emporiso, temos que estar moi atentos para non deixarnos empurrar por esa horda de salvadores patrios que tanto proliferan buscando pastorear rabaños obedientes. Vivimos nunha sociedade diversa e complexa. As solucións de taberna («esto lo arreglaba yo de dos patadas») son arroutadas de xente extemporánea. Para non esparrar, a sensatez recomenda copiar as técnicas de observación defensivas do tenro suricato. Certo é que a mercadoría política electoral procura vender acertos escondendo erros e prometendo o paraíso cando saben que tal lugar só existe nas Sagradas Escrituras. Mais non penso que os partidos políticos lle fagan unha lobectomía a cada cidadán para que esqueza a súa propia realidade. Outra cousa é que a percepción do que nos acontece esconda no seu interior efectos perversos como a subxectividade, a cegueira ou calquera picardía malsán. De aí que cuestionar a democracia coa cantarela de que todos son iguais de corruptos e malas persoas só interesa a certos grupos que pretenden que o eco dos que defendemos dereitos e memoria enferme de afonía crónica. Así que, fáganme caso, non se deixen empurrar e aprendan do suricato. Sempre, sempre, alerta!