«Foliating»

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

FALTRUKEIRAS

01 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os campos de Kent, no sudeste de Inglaterra (é un dos seus 47 condados) aparecen moitas veces baixo o avión que vai cara Gatwick, tanto o Vueling que sae da Coruña coma o de Santiago. Unha paisaxe á que os viaxeiros habituais (moitos, desta zona), non estaban moi acostumados, porque antes Heathrow era o habitual dende Alvedro, e porque tamén hai bastante xente que xa colle o Ryanair cara Stansted e por iso pillan máis o norte.

Cando vas baixando, tras ollar na costa un enorme parque eólico mariño, parecido ao que seica teremos no litoral coruñés en poucos anos, xa che aparece unha campiña que, ao lonxe, é fermosa. Na terra é moito mellor. Ese camiño dende Dover (ou dende Canterbury), con eses cantís brancos que tan parecidos son aos do outro lado da Costa do Ópalo e de Calais, subindo cara Londres, é un pracer para os sentidos e tamén unha cheas de memorias para tantos emigrantes da nosa comarca que o facían, sobre todo, nos setenta e principios dos oitenta, e aínda hai quen o mantén, agora co túnel, pero xa non é o mesmo.

Xusto aí polo medio está Rochester, que ten un castelo ben bonito. E onte estiveron nel, nun dos seus festivais, os de FaltrUKeiras, un bo xogo de palabra para xuntar o noso e o deles. É un grupo de emigrantes, máis novos e máis vellos, que decidiron haberá un ano manter e dar a coñecer a música e baile tradicional galegos. Alí, en Inglaterra. Non é moi común isto no estranxeiro. Foino máis en países de América, en Suíza en agrupacións como Sementeira, a histórica A Nosa Galiza, por suposto a Irmandade e As Xeitosiñas, pero xa houbo ben máis forza. En Inglaterra son todo un exemplo, e oxalá que resistan: hai bos alicerces para moitas foliadas e foliatings.