Letras da Costa da Morte no V Mes do Libro do instituto de Baio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Rocío Leira
Rocío Leira

María Canosa, Rocío Leira ou María Rei Vilas serán algunhas das convidadas

02 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun roteiro literario en torno á obra O enigma de Santiago arrincou este venres a quinta edición do Mes do Libro no instituto Maximino Romero de Lema de Baio. Outras oito citas teñen por diante os estudantes dos distintos niveis do centro, citas que se retomarán á volta das vacacións de Semana Santa coa visita de Andrea Maceiras. A autora analizará, o mércores 12, co alumnado de terceiro da ESO, de FP Básica II e co clube de lectura de cuarto da ESO a peza Que me pare o corazón se te esquezo.

O martes 18 de abril será a quenda de María Rei Vilas, que neste caso se reunirá en horario vespertino co clube de lectura para adultos para abordar a obra Flores de Ferro. O mércores 19, os de segundo da ESO participarán nun obradoiro de Antón Cortizas, Adiviña esta adiviñanza; mentres que o xoves 20 estudantes de primeiro da ESO e do clube de lectura de segundo abordarán o libro Pablo e as pombas.

O venres 21 será un día de Lecturas compartidas co colexio Labarta Pose, mentres que o luns 24 recalará no centro a ceense Rocío Leira para falarlle a estudantes de cuarto da ESO, FP e clube de lectura de terceiro da súa novela Cicuta para dous.

Só dúas citas máis. Unha con outra ceense, María Canosa, que o venres 28 falará de Saínza a Punkiereteira a estudantes de primeiro da ESO. A outra, xa para finalizar a programación, o luns 8 de maio con María Solar e o seu libro A Culpa, que presentará ante o alumnado de primeiro de bacharelato e do clube de lectura para adultos.