Viral

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

23 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu hoxe non vou falar de cancións virais. Négome a afondar nun debate tan superfluo como redundante. Gloria Trevi leva facendo música empoderadora dende hai moitísimos anos sen necesidade de cousificar a figura da muller dunha forma tan patriarcal. Eu vou enfocar este reducido espazo a falar da realidade que se escapa das redes sociais e o escaparate. O autor confeso de Natalia afirmou que lle cortou a cabeza, que lle sacou as vísceras e a desmembrou antes de tirala ao mar. O asasino de Romina, a quen posiblemente matou e queimou, sae da cárcere á espera de xuízo. Así, coma se nada, en apenas quince días do 2023, levamos catro asasinatos a mulleres que ben poderían formar parte dun conto macabro que semella non ter fin.

Nin abren nin pechan informativos, pasan como un suceso máis porque estamos moi preocupados pola suposta canción de empoderamento de Shakira. Saben o que vexo eu? Unha parella rota que aínda non entende o significado de vivir e deixar vivir. Que uns cornos doen, abofé. Firen a autoestima, o orgullo, constitúen un delito contra a honestidade e a sinceridade. Mais non é necesario asoballar outras mulleres para facernos valer. O que ocorre é que todos nos sentimos identificados con aquela vez que nos romperon o corazón vilmente. A idea parte de algo máis complexo e enraizado culturalmente: que o amor é para toda a vida, cando hai tantos amores como etapas vitais. A min preocúpame moito máis a vida truncada destas catro vítimas que o despeito dunha muller que lle bota a culpa a unha terceira. Miña avoa sempre o di, da igual que teñas un coche bo ou cativo (sexa Twingo ou Ferrari), o caso é que che leve ao destino, a plenitude pois, que ti desexes.