Corenta e dous anos de Adro

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

Corenta anos son moitos anos. Se unha empresa dura ese tempo, xa se considera unha traxectoria de relevo. Supera unha vida profesional, a non ser que un sexa deses que aínda con 90 anos lle anda a botar de comer ao gando porque se cre na obriga de seguir gañando o pan do día a día.

Dicía un escritor que un coñece o segredo da vida cando planta unha árbore sabendo que nunca vai poder gozar da súa sombra nin comer dos seus froitos. Eu coñezo unha persoa de idade avanzada que aínda non hai moito plantou froiteiras na súa horta a sabendas de que o máis probable é que nunca vaia degustar ningunha das mazás, peras ou castañas que no futuro dean eses exemplares. De todos os xeitos, un non sabe onde está a fin e tampouco pode ser absolutamente conscientes das consecuencias de todos os seus actos. O caso é ir facendo ben e deixando un pouso favorable aos demais e á sociedade.

É posible, por exemplo, que aqueles mozos que no 1980 decidiron crear unha asociación nun bar de Baio non imaxinaran que 42 anos despois esa entidade ía continuar en pé e mantendo unha actividade máis que notable, creando comunidade, formando a novas xeracións na música e baile tradicionais e desenvolvendo moitas outras tarefas que enriquecen o entorno social. Eles e todos cantos os seguiron á fronte do colectivo teñen que sentirse ben orgullosos. É moito tempo regalado aos demais e por un ben común. Ter unha entidade como Adro é un dos investimentos máis grandes que se pode ter feito nun pobo. Un monumento na alma. É unha obra ben grande feita con moitas pedras pequenas.