CRÍTICA TEATRAL | POR SANTI PAZOS | Titzina recuperou parte da esencia que nas últimas obras pasara a un segundo plano, como o coidado da montaxe escénica ou a interpretación
17 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Cando un espectáculo teatral está feito con tanta luz como definicións desa palabra recolle o dicionario, cando dende o primeiro segundo parece que un certo aire poético, lírico, se che mete no corpo; cando percibes que detrás desa proposta hai un traballo serio, intelectual e práctico; cando ata o mínimo detalle se trata con mimo, cando esa obra se amosa como un ser compacto e vivo, consegue uns efectos sensitivos sobre do espectador que dificilmente será capaz de esquecer.
En Carballo coñecemos a Titzina dende sempre. Aqueles Folie a Deux. Soños dun Psiquiátrico ou Éxitus presentaban con certa comicidade unha visión case abstracta dun mundo, que de tan real, rilábanos por dentro. E en Entrañas, Distancia siete minutos e La Zanja exploran un teatro realista e comprometido coas inxustizas nas que vivimos que poñen os pelos de punta.
Non obstante, teño a impresión que nesas últimas o discurso reivindicativo, perfectamente artellado e documentado, ocupaba tantas enerxías de Diego Lorca e Pako Merino que a linguaxe escénica, a interpretación, a forma, pasaba a un segundo plano deixando núa unha parte fundamental do feito teatral.
Afortunadamente no Búho regresan a esoutro teatro que, sen abandonar a coidada dramaturxia nin o discurso social e a investigación antropolóxica, recuperan a importancia que ten a interpretación e a montaxe escénica (como na excelente Éxitus). Esa xenial iluminación de Jordi Thomás, chea de claroscuros que recordan a Rembrandt, somerxen ao espectador nunha nebulosa estupefaciente. E a composición musical e son, envolventes, de Jonatan Bernabeu e Tomomi Kubo, impacta. E podemos seguir co deseño escénico de Rocío Peña, etc... Todos excelentes.
Todo disposto para recuperar a memoria, fuxir das sombras e, seguindo o fío de Ariadna, encontrar ese foco de luz que nos permita recordar con claridade quen e que somos aínda que teñamos que retrotraernos ás orixes do universo ou a ese bisonte do paleolítico.
Tamén podemos tirar de axenda e revisar esas venturas e desventuras que compoñen a nosa propia biografía. Terapias hai, para superar amnesias ou favorecer esquecementos que nos permitan vivir sen traumas tóxicos innecesarios.
Pódenme crer se lles digo, porque acostumo a ser leal co meu propio pensamento e con vostedes tamén, que Titzina conseguiu deixarme atado á butaca, como se estivera imantado, durante un longo tempo despois de terminada a función. Parabéns.
Saúde e larga vida…