Somos unha comarca de contrastes, tamén co clima. Carballo avanza en seis actuacións millonarias para loitar contra as inundacións no entorno do Anllóns, que nunca foron pequenas. Pero ao mesmo tempo avisa de que teñamos conta co consumo. Vai o río baixo (menos mal que o Bardoso, que tamén aporta, resiste) e non está para alegrías gastadoras. Non fai falta que o advirta, xa o vemos a diario cando pasamos por el: case dan ganas de camiñar sobre esas augas que en realidade son case leito.
O tema da seca parece que vai a máis. Non digo que non: muda o clima, hai máis consumos, as fontes seica non abren coma antes (a ver o que fixeron os lóstregos destes días). Pero é algo que eu teño asociado como cíclico. Vou vello, pero non tanto, e lembro anos tremendos. Deses de ter que baixar ao fondo do pozo con cordas e medo (non eu: medo polos outros) para darlle máis fondo palpando o acuífero. Esa si que era una aventura arriscada. De ter que levar todas as vacas a diario a beber ao río, aproveitando a lámina finiña de auga que levaba nunha zona na que no inverno sempre hai boas cheas. Por suposto, de carrexar caldeiros para a casa. Pero chega que chova dous días seguidos para ir recuperando os niveles e esquecer os problemas. Somos de memoria a curto prazo, ou de encarala coa perspectiva do presente. Todo iso non quita que a situación actual non sexa grave (claro que o é, din que ademais por moito tempo), pero non debemos de perder a perspectiva. Nin esquecer os plans de actuación para previr as que virán máis adiante. E concienciarnos tamén do uso responsable. E esperar: acabará pasando.