Ana Méndez: «É un orgullo ver que en Galicia estamos moi avanzados no sostible»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MIGUEL VILLAR

ECOVOZ | ENTREVISTA | A nova xerente de Galicia Calidade quere sumar máis produtos e servizos á certificación de calidade

30 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi na recta final do 2021 cando Ana Méndez (Ourense, 1976) asumiu a xerencia de Galicia Calidade. Máis de dúas décadas dun selo, dunha acreditación de calidade que, apunta, «converteuse nun eslogan».

—É identificado como o que é, unha certificación de garantía?

—Ao saír de Galicia e falar deste selo segue a haber algo de descoñecemento sobre o que implica, xa que estamos ante unha certificación oficial. Falamos dun eslogan para distinguir servizos e produtos galegos que chega a todo o mundo. Pero detrás hai moito máis.

—Ao asumir as novas funcións, anunciaba que se marcaba como misión seguir medrando. Como vai nese obxectivo?

—A verdade é que estamos contentos, sobre todo, porque lle estamos dando ese xiro para que haxa máis sectores da certificación, para que máis empresas queiran entrar, non só do sector agroalimentario. Estamos facendo estudos para poder ampliar os nosos sectores, por exemplo, ao sector téxtil ou artesanía. E, na industria, hai moita variedade, así que precisamos pregos diferentes.

—Sen perder de vista ao agroalimentario como unha das grandes referencias.

—Hai que seguir crecendo nese sector. Eu veño do mundo do viño e gustaríame que se sumen máis adegas. Só temos a 17 e é un ámbito o suficientemente importante en Galicia como para que conten con máis representación. Creo que Galicia Calidade podería converterse no paraugas de todos os viños de Galicia, coa súa identidade propia, a nivel promocional e comercial. Así irían da man en feiras ou eventos internacionais.

—Os nosos produtos e servizos son sostibles?

—Totalmente. De feito, dende Galicia Calidade estamos traballando nun proxecto sostible para facilitar o camiño ás empresas galegas nesa transición. Estamos analizando os pregos específicos para cada sector, para cada actividade e así establecer as bases dun prego xenérico que introduce eses criterios sostibles.

—Nos últimos meses, visitou a unha gran cantidade de empresas e produtores, que impresións se levou nese ámbito?

—Estiven en moitas empresas e teño que dicir que Galicia está moi preparada e moi concienciada no tema sostible. Moitas chamáronme a atención polo camiño que levan. No sector agroalimentario xa se da por suposto que teñen que ir cara aí, pero nos outros tamén vin empresas que están facendo un bo traballo.

—En que máis se traduce ese compromiso?

—En xeral, considero que a maioría están moi concienciadas coas cuestións medioambientais, pero tamén con outras relacionadas co social e o relativo ao seu persoal. E iso é moi importante porque dese modo é máis sinxelo o desenvolvemento na empresa. Por exemplo, están comprometidos cos criterios de compra pública verde, coas enerxías renovables e tamén co produtos orgánicos. É un orgullo, por tanto, ver que estamos moi avanzados nese tema e que as empresas están moi concienciadas.

«Queremos empezar a facer cousas a nivel internacional. É o reto máis próximo»

MIGUEL VILLAR

Na actualidade, Galicia Calidade aglutina a 149 empresas. A maioría —subliña Méndez— «pertencen ao sector agroalimentario».

—Como se reparte o resto da representación?

—Ese é o ámbito maioritario, pero tamén hai unha cantidade moi importante do sector turístico con hoteis e restaurantes, da industria, náutica, xoiarías... É dicir, Galicia Calidade é un selo que abarca todos os sectores que hai en Galicia. Son 149 empresas e máis de 700 produtos e servizos certificados.

—E ao respecto das diferentes zonas de Galicia. Cales destacan?

—Direi que eu son de Ourense e, a miña provincia, é a que ten menos empresas certificadas con este selo, así que esa é outra das miñas apostas persoais. As que hai son moi importantes, pero temos que seguir avanzando un chisquiño máis.

—E sobre o reto da internacionalización?

—Queremos abrir o selo. É certo que é unha acreditación moi coñecida na nosa comunidade, pero empeza a perderse un pouco o coñecemento de que é unha certificación de excelencia de calidade cando saímos fóra. Tamén queremos empezar a facer cousas a nivel internacional como eventos propios ou acudir todas as empresas da man para promocionar os nosos produtos e servizos fóra. Ese é o reto máis importante de cara aos próximos anos.