Para min hai dous tipos de xornalistas: os reporteiros que escriben e aqueles que son gráficos, que capturan a vida a través da lente da súa cámara. Hai unhas semanas vin unhas fotos de Ana García firmando exemplares do seu libro de fotografías no Centro Dombate. Confeso que me causaron unha tenrura incrible as instantáneas, Ana captúranos a todos e por un intre ela foi a fotografada. Esta muller posúe a aptitude intrínseca dos grandes profesionais de abstraerche dos nervios e dar conversa mentres che inmortaliza. Tranquiliza ás persoas que retrata, pregunta avidamente, interésase de maneira sincera pola historia que hai detrás do personaxe. Ela é capaz de dividirse e chegar in extremis a actos que coinciden na mesma franxa horaria coma auténtica heroína de carne e óso. Non hai máis que empatía no seu sorriso.
Os fotógrafos son claves na Historia da Arte, foron quen de superar á pintura, de impoñerse para capturar momentos para a posteridade. Pensemos na importancia dos reporteiros gráficos en situacións bélicas como a actual guerra de Ucraína. Eles son capaces de informar da dureza da contenda, antepoñendo a profesionalidade ante a barbarie, a destrución e a propia situación de risco. Eu quero poñer o foco tamén nos fotógrafos como Ana, que tamén capturan a paisaxe. Cando o mundo está enchido de tanta maldade e sufrimento son máis que necesarias persoas coma ela que nos abordan a beleza do que nos rodea, o fermoso da natureza, a vida que se agocha no Mar de Ardora ou nos seráns na Costa da Morte. Precisamos recoñecer a riqueza propia. Quedará para a posteridade tamén a entrevista a Mercedes Pazos porque, se algo ten Ana, ademais de boa e xenerosa, é o seu compromiso cas causas sociais.