O día da guerra

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Contei en máis dunha ocasión que miña avoa adoita vaticinar a guerra. Sempre di que un día chegará e que nos levará a todos na súa estela. Quizais Dulcerina de Castrerón é máis sabia ca moitos dos políticos e analistas que gobernan. A crise de Ucraína desestabiliza unha recuperación lenta, pero frutífera, que xa se vía na liña do horizonte. A primeira vez que escoitei o que era un leitmotiv, á profesora escapóuselle dicir que o nacionalismo era o cancro de Europa. Non sei o porqué, pero xamais me esquecín daquela frase. O nacionalismo mata, pero aínda máis o fai a ansia de poder. O ser humano continúa matando polas terras, por ambicionar máis e máis ás que nin lle sacamos proveito de seu. Somos das únicas especies sen depredadores onde nos sacamos os ollos uns aos outros coma corvos envilecidos. Escandalízanos ver unha muller espida ou unha parella facendo o amor libremente, pero non botamos as mans á cabeza cando vemos corpos abatidos no telexornal ou nenos cuxas caras pixelan para normativizar imaxes e deshumanizar aos caídos.

Miña avoa conta que súa nai Mercedes lle falaba dos horrores da guerra, de como os homes novos marchaban para a contenda e nas despedidas ondeaban as familias panos brancos contra o aire, en sinal de loito e despedida. Cantos homes non morreron no mundo en batallas que non lle correspondían e en guerras onde cada ditador facía por botar a mexada máis grande, malia que as vidas que puidesen segar fosen moitas.

Na guerra nunca hai vencedores, é a representación do desastre de querer acabar con todo aquilo que facemos posible como sociedade civilizada. Saben? Miña avoa vaticina a guerra moitas veces, pero nunca desexa que chegue o día.